CHÉGANME algúns e-mails de xente que se extraña de que non comente nada sobre a lei que permite o matrimonio civil entre persoas do mesmo sexo. Expuxen tantas veces a miña postura neste tema que pensei que a manifestación da miña ledicia por ver realizada unha vella aspiración de xustiza e de igualdade era innecesaria. O que podo engadir ao xa tantas veces dito é que me parece triste e improcedente a postura da igrexa católica ante o tema. Non se trata dun matrimonio relixioso. Trátase dunha cuestión civil, de dar cobertura legal a situacións de feito e de poñer fin a unha longa tradición de persecución e de marxinación. A lei non supón ningún ataque á doutrina nin ás institucións. Ben ao contrario: que un grupo marxinado desexe integrarse na sociedade mediante o matrimonio e crear unha familia mediante a adopción debe ser para todos motivo de ledicia. A autoridade eclesiástica dá a impresión de ter da homosexualidade a triste imaxe do cura pederasta. E iso non ten nada que ver coa boa xente que quere vivir con ledicia e orde a súa natural sexualidade. A igrexa actual parece seguir preferindo o papel de inquisidor ao papel de nai, que é o dos evanxeos. Se ela non acolle a eses fillos de Deus, que polo menos deixe de promover campañas contra quen lles dá a acollida legal á que teñen dereito como cidadáns. En canto ao tema da adopción teño que recordar que os estudios que se fixeron non indican que os fillos de parellas homosexuais sexan menos felices que os de heterosexuais. Os nenos o que necesitan é agarimo e disciplina. O problema non está neles senón na sociedade. O mesmo pasaba cos primeiros fillos de divorciados. Lémbrome do día en que un dos meus chegou dicindo que non conseguía que un compañeiro de clase entendese que o home que o ía recoller ao instituto non era seu pai senón o marido de súa nai. Hoxe, vintecinco anos despois, calquera neno o entende. Alégrome de que comece xa o que dentro doutros vintecinco anos será normal.