Mala lección de Historia

OPINIÓN

18 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A RECONCILIACIÓN simbólica que o ministro Bono argallou para o desfile do 12 de Outubro, coa presenza de dous excombatentes españois na IIª Guerra Mundial, foi unha pésima lección. Nin a reconciliación pode decretarse cunha ocurrencia, nin a confusión axuda a curar feridas do pasado. O problema non é só a torpe equiparación entre quen combatíu pola libertade e quen o fixo polo totalitarismo. Situar a ambos os dous no mesmo rango supón certificar o triunfo do franquismo. A presenza do divisionario que combateu a prol do III Reich, en igualdade co combatente republicano antifascista, significa asumir unha herdanza do franquismo que a democracia non pode aceptar. A xeración que fixo a Transición precisou para o seu traballo dun pacto do esquecemento que alonxase as pantasmas dunha guerra aínda demasiado presente. Mais o olvido ten custes. Bono non pode propoñer que reconciliación signifique amnesia. A memoria que nos propón é a versión que construiu o franquismo nos seus anos finais, cando os vintecinco anos de Victoria foron convertidos en vintecinco anos de Paz: todos foron igualmente culpabeis, a guerra foi inevitabel. Ademais arguméntao: como cando recén nomeado confundíu o seu lexítimo orgullo de fillo cos méritos de honradez dun pai falanxista. Ninguén lle pedíu que se avengonzase da súa liñaxe pero sobra ese contrabando moral de vicios públicos e virtudes privadas. E ademais xustifícase: apelando a un autoatribuido mérito antifranquista que usa como patente de corso. Batalliñas! En España non houbo políticas da memoria na democracia pero fíxose moita política coa memoria. Ese é o déficit que este asunto pon de manifesto. Na Europa na que combateron Royo e Salamanca tiveron que pasar 60 anos de política antifascista e antinazi para que un chanceler alemán participara na conmemoración do desembarco de Normandía. A ocurrencia de Bono sería diferente de ter habido previamente unha política da memoria antifascista. Profilaxe cívica indispensabel para que a súa iniciativa fose un auténtico acto de reconciliación que non cheirase a relativismo. ¿Como pode ser que a un ministro socialista lle resulte máis doado convidar a un soldado nazi que a eses guerrilleiros, maquis ou escapados que, fuxidos polos montes ata os anos cincuenta, defenderon a mesma causa que os que, como Luis Royo, entraron en París coa División Leclerc? A División Azul, como 250 División de Infantería da Wehrmacht, combateu contra os aliados da IIª Guerra Mundial baixo a bandeira da cruz gamada. Formou parte das forzas nacionalsocialistas que o Tribunal de Nuremberg declarou responsabeis de crimes contra a paz. O seu representante no desfile, Ángel Salamanca, ven de publicar na editorial Fuerza Nueva aquela súa experiencia baixo o título Esclavos de Stalin. Por se o nome da editorial carece de significado, nunha pasaxe conta que xa no 1940, antes da invasión de Rusia por Alemania, ofreceuse á embaixada nazi como voluntario na guerra contra as democracias. Por moito tempo que pase, a democracia non pode asumir iso como memoria propia.