HOXE AÍNDA MÁIS ca onte, Vigo continúa a ser unha cidade profundamente ofendida. A resposta da ministra de Fomento a unha interpelación parlamentaria do BNG deixou as cousas claras: non existen prazos nin orzamento para a saída sur do AVE en Vigo. É dicir, nin sequera está previsto que vaia existir unha saída sur, imprescindible para as conexións ferroviarias galegas con Portugal. Claro que, para Vigo, tampouco existe o AVE, que carece de prazos na súa conexión con Ourense. Agora, a cidade, ofendida, é un compacto clamor. Sindicatos, asociacións veciñais, institucións, organizacións empresariais e financeiras, voces públicas e medios de comunicacións están a reaccionar enérxica e conxuntamente ante a pobreza das contías destinadas a Vigo nos orzamentos do Estado. A cidade sae, unha vez máis, marxinada. E non se trata nin de defender intereses localistas nin de alimentar a paixón dunha cidade fachendosa. Vigo mídese moito na vertebración do territorio, é esencialmente solidaria; e agora, a realidade dálle as costas. O escaso peso político da cidade colócaa nunha situación difícil. Tradicionalmente marxinada polo Estado e pola Xunta de Galicia, cunha área metropolitana esencial no desenvolvemenento económico do país, o problema xa non é que Vigo careza, por exemplo, dun servicio de trens de cercanías; o problema é que agora se ralentiza o Plan Director do seu aeroporto e o acceso por autoestrada; que non se soluciona ata o 2008 o problema da autovía co Porriño; que non se proporciona aínda unha alternativa tanxible á ponte de Rande; que non se crean accesos ao porto seco de Salvaterra; que nada se di sobre a chegada do AVE e que, diciamos, non se converte Vigo en estación pasante, algo fundamental para unha cidade que é, pola súa situación, o centro do Eixo Atlántico, eurorrexión á que o Goberno portugués vai dotar, con moitísima máis celeridade, de conexións por vía rápida. O futuro das infraestruturas viguesas esváese coma a cinza. A súa cidadanía, que se sabe mobilizar como ningunha, é terriblemente cabal e paciente. ¿Merece, unha cidadanía así, ser constantemente defraudada polos responsables políticos?