LÉMBROME BEN das clases de Relixión que nos daban no Instituto. Eu era entón partidario de que as quitasen. Pero non por nós, senón polo ben do profesor, que era a verdadeira víctima daquela obrigatoriedade da materia. Contra o que din os laicistas (eu o son) nós non nos sentíamos manipulados nin influídos por esta asignatura. De feito, non nos sentíamos influídos por ningunha asignatura: se non se nos quedaban as Matemáticas, ¿íasenos quedar logo a Relixión? A Relixión era unha «maría» e punto, unha hora para pasalo ben. Como digo, alí quen o pasaba realmente mal era o profesor, un crego que, comprensiblemente, acababa perdendo a diario esa proverbial paciencia dos nacidos na provincia de Lugo. Nin os mártires da Fe sufriron tanto, paréceme a min, nos seus intentos de evanxelizar ós infieis. Clase tras clase divertiamonos acosándoo coas maiores barbaridades, só para escandalizalo, e prantexándolle dubidas teolóxicas tan rebuscadas e tan absurdas que houbesen desconcertado ó mesmísimo Santo Tomás de Aquino. Logo, cando o crego preguntaba polos mandamentos era en cambio fácil escoitar que o quinto era «o de Beethoven» e o sexto « no fornicarás con tu padre ni tu madre ». O pobre home púñase pálido corrixindo exames en clase: «Non lles pido xa que acerten coas respostas» dicíanos, «só lles rogaría que non incorresen, por favor, na blasfemia». E entón Regueira, ou outro, levantaba a man e preguntaba con toda inocencia se a blasfemia restaba puntos no exame. So tres ou catro tomaban a asignatura en serio, os tres ou catro ateos convencidos, e era para discutirlle ó profesor, pero ata isto agradecíao. Así, non foi de estrañar que ó final do curso nos recomendase (é un eufemismo: creo lembrar que chegou a poñerse de xeonllos) que para o ano nos matriculásemos en Ética. «Tamén é unha maría » dicíanos el mesmo, vencido. Se do que se trataba era de facer cristiáns supoño que aquelas dúas horas semanais fixeron tantos como medallistas olímpicos fixeron as dúas horas semanais de Ximnasia. Por iso, escoitando estes días o debate sobre a intención do Goberno de facer que a asignatura de Relixión deixe de ser obrigatoria, entendo ben que católicos e laicos teñan opinións encontradas ó respecto. O que xa non entendo é que sexan os laicos os que estean a favor e os católicos os que estean en contra.