13 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

JOSÉ LUÍS Rodríguez Zapatero é un independentista, o mesmo que Mariano Rajoy. Os dous cren que o seu país debe ser independente e, en todo caso, asociarse a outros nun plano de igualdade (isto sería a Unión Europea, a OTAN). O independentismo é iso, e non é bo nin malo, depende só do acordo da sociedade. E aí Zapatero e Rajoy están acertados, porque os votantes ós que representan tamén son independentistas: tamén pensan que España debe ser un país soberano e non contemplarían en principio a posibilidade de convertela, por exemplo, nunha comunidade autónoma de Francia. De feito, houbo un tempo en que isto estivo a piques de suceder (en 1808) e os seus antepasados libraron unha yihad sen concesións. Chamáronlle a Guerra de Independencia, e aínda se conmemora cun día festivo, o dous de maio (eu tamén o celebro: nacín ese día). Tamén Carod Rovira é independentista, e o lendakari Ibarretxe tamén, e é lóxico: tamén eles representan a votantes que o son. A simple vista, parece que o son máis que Zapatero ou Rajoy, pero obxectivamente cabe pensar o que o son moito menos, xa que están dispostos ou ben a diferir a súa aspiración á independencia (Carod) ou a rebaixala ata algunha fórmula de compromiso (Ibarretxe). Non é que sexan máis fexibles, claro está, é porque non lles queda máis remedio. Pero a tolerancia nace así: aceptando o que a un non lle gusta antes de querer cambialo. Por iso o independentismo destes outros é democrático: teñen que convencer a moitos para que saia adiante. Se algún día triunfan, saben que só será por medio dun referedum ou dun acordo. Tamén isto parece mal ós outros, cando o certo é que sería unha mellora a respecto da forma en que se foron constituíndo os países ó longo da historia de Europa: por medio da guerra e o azar dinástico. Os países xúntanse e sepáranse, nacen e morren, nada hai de terrible no feito en si. Só a guerra dos que o forzan ou se opoñen é terrible. Pensaba nisto a propósito da nova polémica pola celebración da Diada en Cataluña, que enfureceu a moitos. Pensaba neste paradoxo das persoas que non son capaces de entenderse precisamente porque pensan igual. Son ese tipo de acordos os que provocan os maiores desacordos, e a única maneira de evitar que este se convirta nun problema de verdade serio é empezar a quitarlle importancia ás cousas que non teñen tanta como parece a simple vista.