MANUEL MARÍA. Todos sabiamos a grave doenza que estaba acabando coa súa vida, mais non se podía facer ren. Cesáreo Sánchez Iglesias propúxome facer algo que lle dese ilusión e solidariedade nos seus difíciles momentos; mais non logramos concretar algo tan difícil que non despertase as súas sospeitas de que o faciamos para aliviar a súa segura morte. Ninguén vai discutir o seu profundo amor a Galiza nin a súa non menor paixón pola terra chairega das súas raíces, na que agora lle devolve o seu corpo material. O gran poeta e patriota que era, nun principio foi entendido polos amigos das ribeiras do Río de la Plata. Recordo que debía ser unha das primeiras edicións de seu Terra Chá . Luís Seoane fíxolle a tapa e eu as ilustracións de dentro. A súa poesía é un canto inmarcesible a Galiza. A súa penetración na realidade da nosa existencia levouno a retrucar a Eduardo Pondal nun dos seus poemas con aquelo de que «os tempos aínda non, non son chegados». LUIS QUINTANILLA. Voltou do exilio no 1976 a morrer na súa terra, data na que grandes patriotas voltaron dun exemplar desterro onde permanecían dando testemuña co seu sacrificio da sorte que padecía o seu pobo, mais o drama seguiu para eles pois pasaran coarenta anos e ao voltar o pobo non os recoñecía nen sabía quen eran. Quintanilla nacera no 1893 en Santander, onde hoxe a comunidade santanderina vai recoller nun museo a obra que se puido recuperar de el. A súa formación transcorreu dende 1912 no París das vangardas, Alemania e Italia. Estaba considerado como o millor naturalista, que pintaba ao fresco, na España anteriro ao 1936. Recórdanse os seu frescos de Hendaya, os do palacio de Liria, o da Casa del Pueblo, e finalmente os do monumento a Pablo Iglesias. Eran exemplos notorios, mais foron destruídos polo compromiso que tiñan coas causas xustas. Luis Quintanilla loitou na Guerra Civil no bando republicano, e o seu íntimo amigo Hemingway levouno para Norteamérica, onde tivo unha vida intensa, mais no 58 trasladouse a París onde agardou ao lado de vellos correlixionarios estar máis cerca da caída da dictadura na España. Sen dúbida a súa obra máis significativa, e da que máis se ten falado a pesar da súa destrucción e da que apenas fican datos gráficos de ela, foi a súa colaboración no monumento ao noso Pablo Iglesias. Tratouse dun proxecto concebido polo arquitecto Esteban de la Mora, o escultor Emiliano Barral e o pintor Luis Quintanilla. Emiliano Barral morreu loitando na defensa de Madrid na Guerra Civil. De la Mora e Quintanilla foron ao exilio. De De la Mora soupemos que foi profesor na Universidade de Bogotá. O monumento foi inaugurado en maio do 36 por Marcelino Domínguez e Pedro Rico, ministro de Instrucción Pública e alcalde de Madrid, respectivamente. Recollo esta brevísima información, mais axiña imos coñecer a intensa vida de Quintanilla, porque o primeiro de outubro vaise presentar en Galiza, antes que no resto de España, as memorias de Luis Quintanilla: Pasatiempo, la vida de un pintor en edición da profesora Esther López Sobrado no marco dunha exposición da súa obra e dunha información rural. É importante que Galiza seipa recoller e estimar a obra de quen non sendo galegos loitaron xuntos por un mundo millor.