DICÍA DAVE Barry que o sistema métrico decimal fracasara en Estados Unidos (séguese falando en galóns e millas). Só atopaba unha única excepción: «a bala do calibre nove milímetros, que todo o mundo chama así». Agora haberá que engadir as cifras de guerra, para as que o decimal tamén parece que funciona. Acaba de publicarse a de 1.000 soldados norteamericanos caídos en Iraq e a cifra repítese en todas partes como se fose máxica, como se comunicase algo que 999 ou 1001 non comunican. Non consigo saber se 1.000 mortos me parecen moitos ou poucos. A miña experiencia coas cifras de guerra é que non hai forma de contalas sen caer en paradoxos. Escoito, por exemplo, a alguén nunha tertulia recorrer á eterna comparación cos accidentes de tráfico. Vistos así, os mortos norteamericanos parécenlle poucos. A min, escoitándoo falar, o que me parece é que son moitos os do tráfico, e estou xa a piques de engadir que ademais son mortes accidentais cando me decato de que agora son eu quen está minusvalorando a estes outros falecidos, só porque a súa morte non tivo ideoloxía. A miña experiencia coas cifras de guerra está chea de paradoxos, xa digo. A xente queda estrañamente decepcionada cando lles contas que os bombardeos de Londres nos anos corenta causaron uns cinco mil mortos (esperan máis), pero descoñecen que nos que sufriu Dresde morreron máis de 300.000. Un horrorízase ó saber que a Primeira Guerra Mundial causou quince millóns de mortos, pero queda desconcertado ó enterarse de que a gripe matou a máis de vinte millóns ó ano seguinte. En Estados Unidos recórdase Vietnam como un trauma: caeron 56.000 americanos (vietnamitas, máis dun millón), pero lémbrase con orgullo a Guerra Mundial, onde pereceron oito veces máis. Non máis de 4.000 americanos perderon a vida en combate para independizarse dos británicos, pero máis de medio millón morreu cen anos despois na guerra civil que se desatou entre eles (Outro paradoxo: máis norteamericanos teñen morto a mans de compatriotas que de estranxeiros. Non o saben. O mesmo que en España). Ah, os iraquís: calcúlase que van 10.000 mortos. Pero non soubemos cando se chegou ó decimal. Non estabamos pendentes. Nin eles; ata os guerrilleiros cren que a baixas americanas contan máis. Porque existe unha grande desigualdade neste mundo, pero non é nada comparada coa que hai no outro.