SEMPRE que comeza o curso académico estou tentado a adicar unha destas colaboracións a falar da sinrazón dos horarios que organizan a vida productiva e escolar neste país. Máis unha vez terei que aprazalo. Este ano escolar empezou o primeiro de setembro en Beslán e a sinrazón do que alí aconteceu tapa todo o demais. Hai uns anos non sabiamos ren de Chechenia nin de Osetia do sur ou do norte, hoxe a guerra e o terror obrígannos a almorzar co que alí acontece e non podemos ser indiferentes. A guerra é barbarie sempre, por iso nunca nos afacemos a ela. Nos últimos anos púxose en boga o concepto de que as guerras de hoxe son novas e diferentes ás do pasado. Sobran razóns para argumentalo pero non abondan para crear un novo mito presentista. Non hai novas guerras, a guerra sempre é igual de vella na súa inhumanidade. Só muda a escenografía, a información e os medios. Dende a matanza de nenos de Herodes, ata os bombardeos indiscriminados sobre a poboación civil que comezaron en Guernika e seguiron con Hisroshima e Nagasaki, a poboación civil, tamén a infantil, sofreu as guerras. O único que se pode facer coa guerra é evitala. As guerras fanse para esquecerse axiña e ese é o camiño para repetilas. A coñecida firmeza de Putin -ese zar formado no KGB- contra os chechenos, terroristas ou non, fundamentalistas ou laicos, só logran xerar máis barbarie, propia ou allea. Non pode acreditarse na superioridade de quen xera esta barbarie. Todo conflicto é cousa dos contendentes e o nivel de deshumanización tamén. A última ocupación rusa de Chechenia, o desaloxo do goberno lexítimo e o establecemento dun goberno títere tróuxonos ata aquí. As comparacións son útiles, ademais de odiosas. Os últimos días de agosto celebrouse o sesenta aniversario da liberación de París do fascismo alemán e francés. Naquela Francia como na Chechenia de hoxe estaba instalado un goberno títere. Tamén daquela, coma hoxe, houbo partisáns extremistas, asesinatos selectivos de colaboracionistas antes e despois da liberación. A mentira é a principal arma da guerra. Ata o outro día non se recoñeceu oficialmente, despois de seis décadas, que eran republicanos españois os primeiros soldados que liberaron París do fascismo en 1944. Europa vive lembrando aquela guerra que considerou a barbarie definitiva e por iso fuxe delas. Os EE. UU. fixeron o mesmo con Vietnam pero despois de 30 anos chamáronlle síndrome e decidiron curarse a enfermidade da paz para envolverse noutra absurda ocupación. A Rusia actual segue prendida da lóxica territorial dos zares que nunca foi desprazada na antiga URSS e sabemos de sobra que o conflicto de Chechenia obecede ao resto deses intereses nunha zona estratéxica para o suministro de petroleo. Non hai guerras novas. Carlos Ruíz Zafón escribiu unha verdade universal sobre a nosa guerra: «As guerras non teñen memoria e ninguén se atreve a comprendelas ata que xa non quedan voces para contar o que pasou, ata que chega o momento en que xa non se recoñecen e volven, con outra cara e outro nome, a devorar o que deixaron atrás».