A ESCOLA de Beslán, o lugar onde os secuestradores fusilaron ós adultos foi a aula 15, onde se aprendía Literatura rusa. Sei que este dato non debería importar máis que se o crimen se cometese en calquera outro lugar. Que importa. Non debería ser máis conmovedor. E sen embargo é. Supoño que porque, como tantos, conozo Rusia a través dos libros. Pushkin, Bulgákov, Dostoievski... Poucas literaturas expresan tan fondamente a alma dun pobo e non hai ningún pobo que ame tanto ás súas letras como o ruso. Desa literatura rusa dicía Cunqueiro que estaba toda ela atravesada polo asubío dun tren na escuridade. É certo: ese tren está aí, de Tolstoi a Pasternak, rolando tristeiro por entre a neve. Anna Karenina morre, de feito, debaixo dun expreso, e eu sempre temín que ese fose o tren no que pensaba Cunqueiro. Ese pitido solitario, melancólico, feroz é o lamento dun país maltratado pola mala sorte e os malos gobernantes, bendecido e maldecido por unha sensibilidade que ás veces é mística, ás veces brutal. Agora, desgraciadamente, ademais de por ese asubío, a literatura rusa está atravesada pola descarga dun fusil automático. Tolstoi, Pushkin, Pasternak... Os seus retratos colgaban nesa aula 15, contemplando o crime. Quizais non os sorprendeu. Pasternak foi perseguido, a Pushkin fusiláronlle ós seus amigos e a el mesmo internárono, precisamente no Cáucaso. Tamén Tolstoy estivo no Càucaso: como soldado viviu o horror do asedio de Sebastopol. Outros escritores observaban desde as paredes: Maiakovski, que acabou quitándose a vida para por fin ó acoso ó que o someteron, a infinitamente infeliz Anna Ahmátova... Hai moito sufrimento na literatura rusa, e a historia da literatura rusa é a historia do sufrimento ruso, porque non son as persoas as que aprenden dos libros. Eu penso que son os libros os que aprenden das persoas. Antonte abriuse a escola de Beslán de novo ó público e contan os nosos compañeiros que o lugar está aínda estrado cos obxectos dispares que un minuto antes do secuestro eran roupa, xoguetes e material escolar e que agora son reliquias dun martirio inútil, absurdas na súa inocencia. Entre elas estaban os libros da aula 15, que os secuestradores colocaron nas ventás para facer parapetos. Son os libros que, de entre todas as cousas que lles quedarán sen facer ós nenos de Beslán, quedaranlles tamén sen ler.