Ha pasado un ángel

OPINIÓN

04 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

1947 PARECE un ano sen importancia salvo para os que entón naceron e así llelo recorda o DNI. Pero nel aconteceron feitos históricos para as dúas Españas. Vencedores e vencidos sobrevivían xuntos no illamento internacional, no esperpento interno, a guerrilla, o estraperlo e a tise. Prensa e radio bombardeaban coa Ley de Sucesión de Franco, «Caudillo de España y de la Cruzada» no texto da tal lei; e co referendum sobre ela, para o que «la única respuesta posible» era o «sí». En xullo votou máis do 100% do censo electoral. O «sí» foi absoluto e «su Excelencia» definiuse: -«Correspondo a la confianza de mi pueblo entregándole lo que de mi vida reste»... Pero naquela corte dos milagres non todo foi tensión por culpa da lei que ía perpetuar a dictadura. Houbo un descanso, circense, divertidísimo, durante a visita de Eva Duarte de Perón nas semanas previas ao referendum. Evita mesmo veu a Galicia, uns días breves, de aplausos e masas. Vindo do país da abundancia, a fame facíalla ver á xente como un ídolo nutricio. A filla das pampas, señora do trigo e a carne, chegou voando a Compostela xunto á Virxe de Luján, coa que se formou procesión de ministros e capitáns xenerais ata a catedral. O cabido enteiro recibiuna e foi nomeada «Hermana mayor de la Archicofradía del Apóstol». Discursos, banquetes e agasallos. En Vigo culminou o periplo cunha homenaxe aos «productores». A artista dixo no Berbés que traía unha aperta dos descamisados arxentinos aos descamisados españois, e que na Arxentina nese momento se loitaba «por un mundo mellor, con menos pobres e menos ricos». Os patróns da industria viguesa ficaron aliviados cando aquela mai dos pobres montou no avión en Lavacolla, rumbo a Zaragoza e cun ramo de flores de Santiago para a Pilarica. Un xornalista concluíu o relato dicindo que «por Galicia ha pasado un ángel». -Con sexo feminino e moi usado -segundo algún rojo , membro de secreta tertulia. O chiste secreto fixo rir a moitos nacionales .