INGLÉS sen ter que estudar. Alemán sen dar pancada. Son anuncios de prensa que teño diante de min. Licénciese vostede en Dereito (ou no que sexa) sen saír de casa, abonando cómodos prazos domésticos. Á universidade en zapatillas. «Non me poña moitos libros que non teño tempo para ler». Outrosí se quere un físico de revista: sesións de musculación acelerada, deitadiño na cama e vendo a televisión, cun aparello eléctrico que o fai todo. Guitarra en quince días. Sexo rápido, de usar e tirar, por internet ou a domicilio. Ligar leva demasiado tempo, hai que coñecer a rapaza (ou o rapaz), hai que adicarlle horas, é moi cansado, non estamos para iso. Diñeiro rápido. As ofertas son espectaculares. Andan en todos os xornais. Non sei qué facemos que non somos todos millonarios. ¿Quen se acorda dos guisos aqueles da avoa, catro horas a lume lento, co polo criado na casa e as pataquiñas novas? O negocio está agora na comida rápida, cando non precociñada, iso si: co saborciño de antes (din os anuncios), saudade dos tempos idos, que xa non han de volver. ¿Queres un coche novo? Xa o pagarás. ¿Unha hipoteca nova? Tranquilo que cha facemos á medida. Todo dun día para outro, sen cansar, sen esperar, sen esforzo... Escribo rodeado de retallos de prensa e anuncios de televisión, a cada cal máis tentador: o mundo nas nosas mans e sen mover un dedo. Velaquí outro signo dos tempos. Sospeito que alguén xa está a pensar que o «ventiño» de hoxe vaime sair reaccionario. Posiblemente. Non é fácil explicarlle a un rapaz novo que as cousas non son como o sistema nolas pinta. ¿Qué modelo de sociedade é este que pretende facernos crer que todo vai vir de balde e sen mover unha neurona? Ollade a televisión, ese gran espello. Sentados diante da pantalla tragamos o que nos dan, todo de usar e tirar: historias fáciles, «a xente non está para pensar», éxitos asegurados, gratificación inmediata, «o que non poidas coller axiña, déixao», heroes de fume ou papel cuché, que apenas duran unhas semanas, todo a correr, ¡non pares! ¡non pares!, que a vida é curta e se acaba... Manuel Troitiño, veciño de Brión, parroquia de Luaña, tardou trinta anos en construir a súa casa. Era a casa dos seus avós. Moi novo marchou a Venezuela, a gañar os cartos para poder levantala. Logo estivo en Suiza. Alí estudou técnico da construcción, algo así como aparellador, segundo comenta. Gañou para compoñer a vivenda e mais para lles dar estudos aos seus tres fillos. Está orgulloso do seu esforzo, no que investiu a vida. Quéixase de que agora os netos non queren estudar. «Andan todo o día na discoteca. Téñeno todo», comenta. «Non lles falta nada». Cando o avó lles pregunta, eles responden: «¿E para que, se total non hai traballo e aquí non se pode facer máis nada?». O máis pequeño empezou nunha gasolineira. Deixouno porque non lle pagaban bastante. «¿Qué lles ensinan na escola?», protesta o vello. O PP falaba de recuperar a cultura do esforzo. Agora tócalle ao PSOE. ¿Cómo facelo? ¿Con que valores recuperar a épica, a dignidade, o pracer de construirnos a nós mesmos? Falo do pracer do esforzo, do estudo e do coñecemento: a vella teima dos avós, cando nos dicían que só o que se conquista con suor e traballo ao final ten sentido e se valora. O sistema turra na dirección contraria: consumidores rápidos, baratos e, xa que logo, vulnerables. É o que convén. Modelos de usar e tirar, productos de rotación rápida. Mesmo na política é así. A democracia, as liberdades, a cidadanía e os seus dereitos, parecen que están aí porque nolos regalaron.