Iso da morte

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

TODAS as cousas rematan desaparecendo ao se transformar en outros formas da materia cando as razóns que as sostiñan perden forza. A morte dos homes sería o momento en que o ser devolve á terra as materias que lle emprestara porque as razóns, materiais ou espirituais, que os utilizaba perderon forza e remataron desaparecendo. Inhumar é volver ao humus , á terra; elo é común para todos os animais. Isto cúmprese cada vez menos. De enterrar en caixa de madeira, esta apodrecía ao mesmo tempo que se descompuña o morto, pasouse de meter aos mortos en caixas pouco degradables e en estantes (nichos), e de acó pasouse a queimar aos mortos; isto que era privilexio de grandes dignidades pasou a ser algo tan popular que está poñendo en dúbida a xustificación dos cemiterios. Logo de queimado o morto, o queimador devolve unhas poucas e sospeitosas cinzas que resistiron o lume (calcio, sílice...) que se gardan nun tarriño na casa cando o morto non deixou disposto outro destino para elas. Esas cinzas perderon toda a materia orgánica de xeito que a terra perdeu a sustancia nutritiva. Os millores repolos dábanse nas partes baixas das terras que rodeaban aos cemiterios antigos. Con iso da incineración, os que van para mortos ás veces descobren nos seus testamentos as voltas que temos os humanos de amolar aos nosos deudos: «Como traballei nun petroleiro toda a vida que recollía cru no golfo Pérsico e o levaba a Florida quero que as miñas cinzas se repartan nestes dous mares da miña vida». Os deudos decátanse que para cumprir coa vontade do morto terán que vender todo o que lles deixou e non saben se chegará... ¡Mala centella o coma! A morte ten a súa parte tráxica, mais tamén ten a súa parte cómica. En xeral os homes queren morrer na terra en que naceron. Non sei se isto terá algo que ver, por vía da química, con iso de voltar á terra os materiais prestados. O drama está cando os homes vense obrigados a morrer?lonxe da súa terra. Castelao, poño por caso, Suárez Picallo... (este díxome nun acto celebrado en Buenos Aires no ABC de Corcubión: «Eu quería morrer no Fiunchedo». O Fiunchedo é o cemiterio de Sada, con boa vista sobre a ría). Sei que os de Sada quixeran traer os seus restos que fican en Buenos Aires; e xa hai anos unha autoridade comprometérase a traelos. Hoxe penso que é millor que o deixen onde morreu, e pola contra se relembren as circunstancias que o obrigaron a morrer lonxe da súa terra. Coido que foi unha equivocación traer os restos de Castelao, que só serviu para de cando en vez lle recen un responso, lle poñan un ramo de frores e repartan unhas ferreñas... Este erro deuse tamén, entre outros, con Manuel de Falla... Hai mortes arrepiantes: cortarlles a cabeza ou queimalos vivos como ao heresiarca Prisciliano ou Miguel Servet. En contraste con estes, outros morren no seu leito cargados de honores, medallas e condecoracións, e no seu enterro van 20 cabalos e trinta frades descalzos, como o que recorda Cabanillas no seu Enterro de Primeira , con pena polo caixón de carballo que leva ao aristócrata. Arrepían as mortes industriais de grandes masas sen responsabilidade algunha, masacradas por mandatos de intereses alleos, enterrados sen caixas, amoreados en fosas comúns cumprindo o deber de devolver á terra os materiais emprestados. Fronte a esta realidade, elixir a forma do noso enterro non pasa de ser unha parvada e unha falla de humildade.