ESTABAMOS NOS arredores de Dubrovnik, vendo como os artilleiros iugoslavos facían puntería sobre a histórica cidade croata (era o ano 91). Un xornalista preguntoulle ao oficial ao mando que sentía ao disparar sobre o patrimonio artístico da Humanidade, e a súa resposta fíxose célebre: «Cando remate a guerra», dixo, «reconstruirémola máis bonita, e máis antiga». Lembrei esta historia ao ver as celebracións pola reconstrucción da Ponte Vella de Mostar, en Bosnia. Non foron os serbios, neste caso, senón os croatas, quen destruíron no 93 a fermosa ponte otomana sobre o Neretva, pero ben puideron ter dito o mesmo: «reconstruirémola máis bonita e máis antiga». Aquel episodio foi entón unha metáfora obvia das guerras balcánicas, quizais demasiado obvia: a ponte era fermosa, antiga, era cultura; e unía os dous sectores da cidade, o musulmán e o croata (en realidade, había musulmáns nas dúas beiras do río). Ordenáraa edificar o sultán otomán Suleimán no século XVII (tivo mala sorte coas súas construccións: a muralla que rodea a disputada Cidade Vella de Xerusalén é tamén obra súa). Ó destruír a Ponte Vella de Mostar, os croatas estarían poñendo fin a un vínculo físico e espiritual cos seus veciños musulmáns e tamén abolindo o vínculo destes co seu pasado. A verdade é, como case sempre, máis prosaica, pero tamén máis reveladora dos absurdos da guerra: os artilleiros simplemente usaban a ponte para practicar o tiro. O oficial que os dirixía chamábase Slobodan Praljak e antes da guerra fora actor e director de escena. «¡Un home culto!», dicíase con sorpresa, pero a min, en cambio, parecíame detectar nesa indolente escenificación da destrucción da ponte a vaidade do intelectual. Na antigüidade romana, construír pontes era un atributo semi-divino (de aí, pontifex , pontífice). Destruílos, polo tanto, tamén debía selo. A Ponte Vella de Mostar está xa reconstruída, e desgraciadamente non é máis antiga, nin máis bonita. Parece demasiado nova, demasiado branca. Os promotores da reconstrucción (tamén son os da reconstrucción de Bosnia) din que o importante é o simbolismo. E quizais teñen razón. Pero tampouco o simbolismo está claro: Aínda que a intención era reproducir a ponte con exactitude, houbo que corrixir o trazado antigo. «Metidos no ordenador todos os datos», explicaba un deles, «a ponte non se sostiña». Como a propia Bosnia, quizáis.