SON DO meu barrio (eu, que nunca tiven barrio). Son da mesma soidade. Son as ganas de comer o mundo mentres o mundo se deixe, de tragar a vida a bicos, de abrazarse ás farolas da alba, medio borrachos, medio tristes, entonando as cancións dos días sen labios, sen abrazos, sen unha mirada que devolva unha cara con pecas, suave suave, que te acaricia mentres a felicidade quere quedarse. Son de los míos, chaval. Aunque les llevo veinte años. Estaban comigo entre as luces de neón dunha discoteca de provincias, pecado a pecado, copa a copa, bailando, cantando por Los Chichos e por María Jiménez cando María Jiménez cantaba a Silvio Rodríguez: Ojalá que la luna pueda salir sin ti. Son os que me acompañan cando a melancolía apreta no peito, cando quero respirar e sae un suspiro, cando choro sen lágrimas, cando escribo novelas sen historia, sen historieta, sen aventuras alatristes. Esta mañá levanteime con eles. Cando o sol sae en praia esperanza. Levanteime á hora que antes me deitaba, ai. O sol debuxaba un rostro. Pero Jose e David saíron do cedé para tomar un zumo, sen Cardhu, susurrándome: Me muero por dentro si dices que no me quieres. Son do meu barrio. Da mesma soidade. Aunque les llevo veinte años.