PÁXINAS SOLTAS
24 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.UN ÍNDICE da universalidade dun autor é o interese que desperta fóra da súa terra. Un bó exemplo é Pardo Bazán. Dona Emilia sufriu durante certo tempo en Galicia unha inxusta marxinación provocada polo feito de escribir en castelán. A atención prestada á súa obra por hispanistas como Nelly Clemessy ou Maurice Hemingway contrastaba co desinterese de moitos intelectuais galegos. Por fortuna está situación remediouse gracias a ese espléndido grupo de investigación dirixido con entusiasmo e rigor por José Manuel González Herrán, no que se encontran estudiosas de prestixio internacional como Ermitas Penas ou Cristina Patiño Eirín, e gracias tamén a institucións como a Fundación Barrié de la Maza, que acolleu dende sempre congresos e publicacións sobre a autora. Nesta liña de interese crecente por dona Emilia, acaba de ver a luz na editorial Cátedra unha das súas novelas máis divertidas e menos coñecidas para o gran público: Memorias de un solterón . A editora é María de los Ángeles Ayala, profesora da Universidade de Alicante, ben coñecida polo seus estudios sobre o século dezanove, que se suma así á nómina de investigadores non galegos interesados na obra de esta galega universal. A edición, pese a ser crítica, non está feita pensando só nos colegas, defecto habitual neste tipo de traballos. As notas aclaran o texto e non entorpecen a lectura, e o estudio introductorio sitúa a novela no seu tempo e na obra total da autora e analiza con rigor e agudeza o tema principal: a situación da muller na sociedade de fins do dezanove. Destaca a vinculación con Tristana de Galdós e resalta a orixinalidade de dona Emilia no tratamento do tema. Se alguén pensa que se trata dun manifesto feminista, equivócase. A novela mostra a loita dun ser humán por conseguir vivir con liberdade e con dignidade, e faino con gracia e con humor. É unha novela e unha edición para ler non só nas aulas universitarias senón nas tranquilas xornadas dun verán de calquera lugar. Que a disfruten.