A VISITA DE Zapatero non despexou moitas incógnitas para o futuro do país. Comprometeuse co Plan Galicia e quixo aproveitar o tempo para falar con algúns sectores da sociedade e da política do país. Fixo o mesmo que calquera presidente que nos visita, introducindo algunha novidade. Nova foi a súa aposta pola innovación e o detalle de reunirse con investigadores das universidades galegas, nun acto ben preparado por Carlos Pajares dende a executiva do PSOE galego. Estivo en sintonía coa atención que Zapatero parece otorgarlle á Universidade e alí cada quen puido pedir para si, na confianza de que o seu dicasterio é o máis decisivo para o avance do coñecemento e do país. Vello coma sempre foi ese alarde de poder que significa poñer a funcionar o ILS de Peinador coincidindo coa súa visita. Serve para deixar claro quen manda e, como nas vellas monarquías, dalle ese reflexo taumatúrxico do que tanto gosta quen detenta o poder. Tampouco foi un alarde anovador por parte dun presidente do PSOE a preferente atención que lle deu a Francisco Vázquez. A visita chegou xusto despois de que o PSOE galego ficara marxinado na nova Executiva federal, na que Touriño quedou máis rapado que os cabalos do curro de Sabucedo. Nin a perspectiva das eleccións galegas, nin a posición dun Blanco que seica sempre exerce de galego, significaron nada para que a franquicia galega puidera exhibir as súas credenciais cara unhas eleccións que cada vez ten menos de cara o candidato socialista. ¡Quen o diría hai dous meses! Da seguridade dunha victoria socialista nas próximas eleccións galegas, co alento dun goberno amigo, pasouse á incerteza de que esa amizade poida ter algunha utilidade. E isto sucede á vez que Fraga confirma, sen confirmalo, que se presentará para intentar a reelección. Non podía ser doutra forma. Ademais de ter a ocasión de negar que teña máis amores que Galiza. Quen podería dubidalo. O colmo de Touriño é que, despois de toda a peripecia en relación co Plan Galicia previa á visita de Zapatero, o PP e o propio Fraga quedan consagrados como os auténticos valedores dun Plan que, se chega a ser algo máis que cartaces, será ben aproveitado polo actual goberno galego. Se a política galega segue reducíndose a demostrar quen consegue máis, a batalla xa a ten gañada o PP. Aínda que tantos se empeñen en demostrar o contrario, o que este país demanda, como calquera, pero este máis por razóns óbvias, é un pouco de novidade. Innovación tamén no ámbito político. Algunha mudanza nas formas, nos xeitos, nas ideas, nas promesas. De certo, o único realmente anovador que nos aportou o novo goberno dende que se constituíu, foi poder escoitar á cúpula da fiscalía galega e española falar no idioma do país. E non é precisamente un acto de partido, nin siquera gubernamental. Lástima que non sexan eles quen se presenten ás eleccións. Ambos os dous fiscais demostraron que nestes pagos o normal convírtese en revelación.