UN DÍA, en Cisxordania, tiven unha revelación. Foi pouco despois de rematada unha dura batalla no campo de refuxiados de Jenin. Alí, vendo ós nenos palestinos corretear polas ruínas do que fora o centro do campo (quedara reducido a unha escombreira tras os combates), comprendín que o símbolo do moderno Israel era non a arpa davídica que aparece nas moedas de shekkel nin o candelabro de sete brazos que figura no escudo do Estado, senón a excavadora D-9, que como un deus Xano de dúas caras representa toda a ideoloxía do país: construír e destruír. Israel é iso: unha grande empresa constructora que desde hai uns cen anos aspira a recalificar un solar, a terra dos palestinos. Para isto válese das demolicións, como a da casa dese ancián paralítico palestino ó que as excavadoras soterraron vivo onte en Jan Yunis, na Franxa de Gaza; como a das casas de (literalmente) millóns de palestinos que esmorecen nos campos de refuxiados de Oriente. Outras veces, as excavadoras constrúen: os asentamentos, as moles de cemento que rodean Xerusalén como dentes brancos, e que parece que o mastigan, o Muro de Cisxordania... O primeiro ministro Ariel Sharon, que tan ben representa ós seus compatriotas, recibe desde hai anos, precisamente, ese alcume: « Arik » (O buldócer). A enxeñería é a linguaxe dos imperios. De Exipto perdúrannos tumbas, de Roma estradas militares, de Grecia teatros baleiros que sobrevivirán ó propio teatro. Todos eses imperios e culturas perduran en forma de ruína e escombro, sombra do que foron. Pero en Israel, a ideoloxía é o escombro mesmo. E aí é onde entran as excavadoras. Son elas as que libran esta guerra, e non os F-16 e os kamikazes de Hamas: a guerra que enfronta ós buldóceres israelís cos albanéis palestinos. Entendido así, o Muro de Cisxordania non é máis que a grande obra visible de medio século de Israel moderno. Por unha parte, é o monumento ó medo (é certo que dá máis seguridade a Tel Aviv, quitándolla a Qalquilia); e tamén un monumento ó outro grande eixo da cultura do país: a desposesión (o Muro confisca un 17% de Cisxordania). É normal que Sharon non o queira derrubar. Hoxe en día Israel é o Muro e pouco máis. Angostada a terra polo sal do mar, arrancadas as oliveiras e arrasados hasta os cimentos centenares de aldeas árabes, o Muro é todo o que un día pervivirá do soño utópico e brutal que foi Israel. Moito despois de que o medo duns e outros se teña extinguido para sempre.