O problema dos incendios e as súas causas

| SERAFÍN GONZÁLEZ PRIETO |

OPINIÓN

NUN ARTIGO do pasado 26 de xuño, o señor Romay Beccaría volve insistir en que existe unha organización incendiaria que sería responsable de incendios como os acontecidos en xuño en todo o eixo de Fisterra a Ferrol. E ademais considera que detrás desta actividade incendiaria organizada estarían grupúsculos que usarían o lume para loitar contra unha política forestal que favorece os piñeiros e os eucaliptos. Consideramos que opinións tan simplistas como as do señor Romay non contribúen a esclarecer á opinión pública sobre o que segue a ser un dos principais problemas da sociedade galega. Mais ben parece que pretenden ocultar os fracasos da política autonómica de loita contra os lumes. Os estudosos do problema incendiario distinguen entre causas estruturais, isto é, causas que favorecen a aparición e extensión do lume nos montes, e causas inmediatas, é dicir, as múltiples e diversas motivacións directas das persoas que prenden lume aos montes. Actuar sobre unhas e outras é preciso para que deixemos de sufrir cada ano uns 11.000 lumes, aproximadamente a metade de todos os que acontecen en España. Reducir o problema dos incendios fundamentalmente a un mero asunto de delincuencia e ignorar totalmente a relación entre a política forestal e os lumes pode ser útil politicamente para o goberno mais non nos vai axudar a resolver un problema certamente complexo e difícil que demanda análises rigorosas, unha visión a longo prazo e o recurso a un amplo abano de accións. Desde as organizacións ecoloxistas entendemos que hai causas estruturais dos lumes que a Xunta non trata de corrixir adecuadamente: reforestacións monótonas con especies altamente combustibles, escaseza de labores de prevención, ausencia de ordenamento de montes que compatibilice e planifique usos, etcétera. Un dos aspectos da política forestal autonómica criticado polas organizacións ecoloxistas é a promoción excesiva ou a non limitación da plantación de especies pirófitas como os eucaliptos, en detrimento das árbores autóctonas, máis resistentes ao lume. Ademais de ser en xeral ambientalmente preocupante, desde logo non axuda á prevención dos lumes. A hipótese da conspiración incendiaria é simplemente insostible. A coincidencia, no espazo e no tempo, de múltiples focos de lume en períodos con meteoroloxía favorable para a súa propagación repítese en Galicia dende que comezou a etapa virulenta dos incendios forestais en 1969, polo que de haber unha organización incendiaria habería que admitir a súa presenza dende hai máis de trinta anos. En lugar de se aventurar no terreo das elucubracións, parécenos máis útil esixir un esforzo moito maior na investigación das causas inmediatas dos incendios (moitas delas xa ben identificadas) e na persecución dos incendiarios. Isto, e unha política forestal sostible, máis educación ambiental, participación social,... é o que necesitamos para que os lumes deixen de ser unha «marea negra». O escrito vai asinado tamén por X. L. Castro Baleato, coordenador da Federación Ecoloxista Galega (FEG); Raquel Gómez Almaraz, responsable do Programa Forestal de WWF/Adena; M. Á. Soto Caba, responsable da Campaña de Bosques de Greenpeace España; Xosé Veiras García, secretario executivo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).