NAS PASADAS eleccións europeas pedín o voto para Camilo Nogueira. Máis que para o BNG (que tamén), pedín o voto para Camilo, mesmo contra o consello dalgún experto, que entende que os que temos certa dimensión pública, escribimos nos xornais ou nos adicamos á empresa non debemos mollarnos ata ese punto, tal que se fósemos espíritus puros (polo que poida pasar, xa ti sabes), e contra a opinión de outros que consideran que pronunciarse políticamente significa declarar a guerra aos veciños, meterse na trincheira, condenarse á marxinalidade (a non ser que apostes polo cabalo gañador, que daquela é ocasión de facer caixa). Algún día haberá que falar disto: do pronunciamento político da sociedade civil, da liberdade de expresión non sectaria, do dereito a opinar e a posicionarse, sen que iso signifique excomunión nin teña un que entrar no capítulo dos apestados. A sociedade galega (tamén a española) aínda non deu superado nin o medo a expresar ou defender públicamente unha postura política, fóra dos que se profesionalizan en tales mesteres, nin a tendencia a descalificar gratuitamente ao que tal fai e non concorda coas posicións establecidas: «¿este é dos nosos...?». Votei a Camilo incluso discrepando dalgunhas das súas posicións ou propostas. Pero fixemos a transición política xuntos, ou moi próximos. Sendo de idades diferentes, traballamos en proxectos que nos ilusionaron (Unidade Galega, Esquerda Galega...); coincidimos na necesidade de instalar o nacionalismo no marco constitucional español, sen ambigüidades, e mais no espazo europeo, sen complexos; compartimos un modelo socialdemócrata avanzado da sociedade solidaria, laica, internacionalista e democrática, e cremos, sobre todo, que o futuro de Galicia pasa pola reconstrucción da súa identidade nacional, que vai aparellada á súa modernidade e mais á consolidación de forzas propias da cultura, a economía, o empresariado, o mundo sindical, o pensamento, a política, en ningún caso dende unha posición chauvinista e autárquica, senón crítica. O producto galego non é bo por ser galego. Sostense se ten calidade, excelencia de seu, competitividade. Pero tamén é certo que sen producto propio (sen discurso propio) difícilmente Galicia terá algo que dicir. Nos últimos anos, Camilo Nogueira desenvolveu unha actividade intelixente, entusiasta, verdadeiramente incansable en espazos difíciles e distantes: as institucións da Europa que está a nacer, non sen contradiccións, incluso con modelos e propostas que non sempre concordan cos nosos intereses. Seguimos sen entender a trascendencia que ese espazo europeo representa, mesmo para as nosas economías particulares e domésticas, xa non digamos para o noso futuro como colectividade humana (como nación). A noticia da perda do escano que o BNG lograra dentro da plataforma Galeusca, obriga a unha reflexión autocrítica por parte do nacionalismo (isto é unha deriva, non dun suceso puntual). Pero significa sobre todo a perda do traballo, o esforzo, a teimosía, a intelixencia e a presencia de Camilo nos foros da UE, desprazado por unha deputada rioxana do PP, seica especialista en medio ambiente. Non sei se as bandeiras de Nunca Máis que amosaban os verdes nos escanos de Bruxelas parecerán agora máis asépticas, máis moderadas, máis tranquilas para os amos do poder. Tampouco sei se as cotas de pesca ou da producción láctea se multiplicarán, de súpeto, gracias a xenerosos acordos dos grandes grupos que nos representan. En calquera caso, perdimos unha voz, unha voz importante, un anaco de identidade. E moitos o lamentamos.