HOXE, AO IR mercar este periódico nun quiosco pensei que nos quiosqueiros pervive unha antiga e sagrada tradición occidental. É a dos anacoretas, que renunciaban a todo para vivir unha vida de reflexión espiritual. Algúns subíanse a unha columna nun deserto (os chamados estilitas ), outros construían unha cachoupa con fieitos nun bosque e outros se refuxiaban nunha grota para poderen meditar sen o incomodo da Sociedade, esa reunión tumultuosa que ás veces sobrevaloramos tanto. Alí, estes monxes levaban unha vida de renuncia e de estudio, rodeados de todos os libros que había no seu tempo, que daquela era doce ou trece, e pasaban o seu tempo lendo e tomando notas. Naturalmente que os quiosqueiros non levan unha vida de renuncia nin a súa soidade é tan radical nin son necesariamente espirituais as reflexións ás que se entregan diariamente, polo menos en principio (aínda que de todo haberá). Máis ben falan da Eurocopa cos clientes, ou do calor que está facendo estes días ou das obras públicas municipais. Pero aínda así aí están, pechados na súa casiña, tan parecida á cachoupa dun hermitaño, no medio do deserto das cidades. E sobre todo, como os hermitaños que escribían e lían, estes outros hermitaños que son os quiosqueiros, están rodeados de toda a sabiduría occidental do seu tempo. Fantaseo o que pensarán os arqueólogos do futuro, cando encontren os rastros da nosa Civilización (se é que isto se lle pode chamar civilización e se é que deixa algún rastro, que todo está por ver). Preguntaranse quen eran estes sabios solitarios que vivían rodeados de textos de todas clases, do saber humano en toda a súa extensión. Porque o quiosco é iso, mírese como se mire: un resumo de todo canto está na mente humana: a ciencia, a actualidade, a música, o sexo (representado profusamente), a literatura, o tabaco, a comida... No quiosco un pode atopar desde un fascículo dunha revista de surf ata un libro de Heidegger. É o templo da letra impresa, moito máis ca unha librería ou unha biblioteca, onde a orde preside todo e o define todo. A biblioteca está censurada polo tempo, que é o que fai esa selección de gustos que chamamos tradición. O quiosco, en cambio, é outra cousa. É, como nosa propia mente: un almacén de datos inconexos, moitos deles absurdos, outros tantos falsos, a maioría inútiles, pero todos rabiosamente humanos. Mágoa que ó que fun eu se lle acabara a Voz. mmurado@yahoo.com