O LIBRO galego move anualmente entre 20 e 24 millóns de euros. Non é unha cantidade extraordinaria, se a comparamos con outros sectores da producción. O audiovisual anda arredor dos 100 millóns. Pero o libro (o libro en lingua galega, que representa case que o 80% da producción das nosas empresas editoriais) configura un dos motores básicos da nosa identidade. Libreiros, distribuidores, promotores, editores, maquetistas, infógrafos, deseñadores, ilustradores, fotógrafos, correctores, impresores, encadernadores, autores e traductores participan dun proceso que integra distintas especializacións e que Manuel Bragado, editor amigo, ten definido algunha vez coma o pan da cultura . O libro é o pan da cultura, alicerce histórico do noso discurso nacional, principal difusor e soporte do acceso á información e ao coñecemento, os grandes activos que definen as sociedades contemporáneas. Tamén é a modernidade. As culturas modernas son as culturas do libro, fundaméntanse no libro, e cristalizan na lectura, ese hábito necesario que convirte os cidadáns en elementos activos do acontecer social. A Consellería de Cultura anuncia a creación dunha Mesa do Libro Galego. Hai anos (non menos dunha década) que o sector reclama unha actuación deste tipo, que haberá que concretar, por suposto, pero que en principio debemos aplaudir e celebrar. Mellor tarde ca nunca. Falamos dunha mesa ou plataforma capaz de integrar a todos os sectores implicados cara a elaboración dun Plan de Choque necesario para a activación da edición e, sobre todo, da lectura, que é a base de calquera actuación. Non falamos de diñeiro, que tamén, senón de política cultural. O libro galego precisa dunhas coordenadas novas que o fagan viable e, ao mesmo tempo, o sitúen nun marco competitivo de renovación, axeitado ás necesidades e ás demandas do tempo que estamos a vivir: producción, comercialización, distribución, promoción... ¡Unha biblioteca familiar en cada casa! Tocamos cada ano a unha novidade editorial (un título novo) por cada 1.394 habitantes. ¿Moito ou pouco? A media española é de 1 libro por cada 585 cidadáns. En Cataluña, un por cada 265 habitantes. En Euskadi, un título para cada 794. Queda, pois, moita leira por sachar. España ocupa as últimas posicións de hábitos de lectura na UE, por riba só de Grecia e Portugal. Os países desenvolvidos son os países do libro, que non é incompatible con outras formas de distribución da información e o coñecemento, e Galicia, entre as comunidades autónomas, está por debaixo da media española, malia o esforzo de libreiros e editores, autores e animadores culturais. As nosas librerías teñen deficiencias. Cómpre axudalas no seu proceso de renovación tecnolóxica, para que estean en condicións de ofrecer un mellor servizo aos lectores. As nosas bibliotecas, a pesar dos avances que se produciron nos últimos anos, carecen de medios técnicos, recursos económicos e persoal especializado. Todo isto hai que calendalizalo, planificalo e cuantificalo con xeito. O sector das artes gráficas está excesivamente atomizado, e amosa eivas obxectivas para a realización de certas tipoloxías da edición. Os recursos de promoción son escasos... Unha aposta polo libro (e a lectura) significa, xa que logo, unha aposta pola modernidade. Así hai que entendela, por riba das cifras de negocio e os condicionantes do mercado. O pan no forno e a mesa en condicións de ser atendida.