PORQUE a razón é o que nos dou a natureza máis mesturado con ela aparecen as contradiccións. Luis Seoane, a quen máis de un lle debemos moito, regaloulle dous cadros a un amigo que o admiraba. Este non tiña a vertude de se saber valer por se mesmo e tiña que valerse da axuda que lle prestaban os demáis. Pasou un tempo e confesoulle a Luis que se viu obrigado a vender os dous cadros, pois tivera un gran atranco económico e que agora se atopaba desesperado sen os cadros. Seoane, conmovido, regaloulle otro cadro. Pasado outro tempo, o amigo de Luis voltou, mais agora traía o último cadro que lle regalara. Quería que Luis o mercase pois non quería caer na tentación de llo vender a outros. Luis empezou a se mosquear: «Así que eu regaloche un cadro e ti queres vendermo... ¿Canto queres?». «E que agora as túas cousas valen moito». E Luis rematou con aquel amigo. Todo era certo: a imposibilidade de se valer por se mesmo, a necesidade económica, as cousas de Luis que se pagaban ben e o seu amigo quería cobrar a plusvalía; todo unha trapallada. Desta anécdota pasamos a algo máis serio como é o da boda dos Príncipes de Asturias no contexto global. Teño que relembrar que inmediatamente de conocer o compromiso destes noivos publiquei neste mesmo xornal, o 10 de novembro, baixo o título «Nos os republicanos...», tentando arropalos e felicitalos, e logo dunha serie de disquisicións históricas remataba dicindo que quen tentase molestar a estes mozos sería un miserable. Afortunadamente os meus desexos compríronse, non apareceron miserables e a boda resultou todo un acontecemento e un éxito pra nós a nivel europeo, que axudou a potenciar ao noso país -a pesar das pinturas da Almudena e do supereclepticismo da Almundena mesma-. Mais as cousas ben feitas poden ter os seus incomenentes precisamente por estar ben feitas. Mentres a boda se está celebrando con tanto explendor os norteamericanos e Bush e os israelitas de Sharon destaban masacrando musulmáns e os seus templos e casas recebendo o terror tecnificado do mundo occidental. Unha cousa ben feita pra nós pode resultar unha provocación para un mundo que vive nun pozo do que non pode sair e só olla o ceo por un burato. Coido que desta situación se decataron xentes responsables, que sempre hainas en todos os estamentos do Estado -non foi só a promesas dun determinado grupo político-, e tentando aliviar a situación, antes de que se celebrara a boda as tropas españolas estacionadas no Iraq estaban xa na península, nas súas casas, sen que ninguén desafinara. Certo que o problema segue, cunha grande inconscencia do que pode botar abaixo a nosa opulencia, cunha grande dose de hipocresía xustificada pra satisfacer apetencias humanas, facéndonos creer que este mundo é o millor que podemos ter e que debemos estar caladiños, e desfroitar deica onde dure o que nos mantén pensando só na millora e na revalorización do que temos, semellante ao que pretendía o amigo de Seoane pra lle vender o que Luis lle tiña regalado. Non val só a nosa razón, hai que percurar causas xustas e a solidariedade de todos, aínda que non figuren nos códigos legais. Non cesará o terrorismo islámico se o seguimos fomentando co noso terror pra alargar o benestar que nos da o petróleo a algúns sen tentar verlle o límite.