26 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O TÍO Oscar Wilde deixou escrita unha sentencia pertinente para estes tempos nupciais: «Nada tan perigoso como ser demasiado moderno. Corremos o risco de quedarnos anticuados». O moderno volve estar de moda na boca socialista, que é a boca da España actual: democrática, marciana, salsarrosa e delicadamente vulgar. Afirmou o noso goberno que España deu unha imaxe «eficaz e moderna» no enlace principesco. Eficaz, sen dúbida: vintecinco millóns de persoas contemplaron o evento. Moderna, tamén: figuraban Miguel Bosé e Pérez Reverte. Incluso máis, a historia moderna (esa que vai do descubrimento de América á Revolución Francesa) estaba presente: reis, raíñas, princesas. A historia moderna é a historia das grandes monarquías. Despois chegaron as revolucións. E chegaron tamén os filósofos materialistas que inspiraron o marxismo, o socialismo, o comunismo. E Pablo Iglesias. Máis tarde González e, agora, Zapatero. Eficaces e modernos. Orgullosos da imaxe ofrecida ao mundo sen meditar no anacrónico das monarquías, no boato, na plebe enardecida saudando con bandeira na man, na sensación de habitar un tempo ido. Os socialistas, que olvidaron qué e quén son, están felices. O seu ministro de Defensa, tamén.