TANTO QUE se preocuparon os pediatras de promover a lactancia, para que agora veñan os británicos e consideren inmoral a visión dunha muller que amamanta a un bebé. Esa é a imaxe que aparece no anuncio da campaña institucional da UE para as eleccións europeas, onde un pequeno dubida entre un pezón e o outro mentres unha voz en off explícanos que, xa que «desde sempre tivemos que escoller», non nos debería custar tanto ir e votar en xuño para o Parlamento europeo. Diversas asociacións do Reino Unido obxectaron ao anuncio, que finalmente se vai exhibir censurado nese país mentres que en Irlanda, directamente, o prohíben. É curioso: a Liberdade, como concepto, representouse sempre así: como unha muller que mostra un peito descuberto. Así a pintou, por exemplo, Delacroix, portando unha bandeira tricor entre as barricadas da revolución de 1848, e así aparecía nos billetes franceses antes de que o euro arrasase con ese simbolismo, non sei se un pouco imprudentemente, polo que se está vendo. Nesa imaxe da Liberdade como unha muller espida pensaba eu xa cando surxira aquel cómico escándalo polo peito de Janet Jackson e se falara tanto do puritanismo americano (a min pareceume puritana sobre todo ela, que cubriu o pezón pudorosamente, dándolles a razón ós que a criticaron por mostrar o resto). Agora, con este problema co anuncio europeísta, diríase que prosigue esta campaña contra esta fermosa glándula pola que sentimos tanta fascinación, polo visto, para ben e para mal, quen sabe por que, quizais porque é a primeira cousa que probamos nesta vida, como pensaba Freud (que tamén era extremadamente puritano). Non só a Liberdade, tamén a inocencia a representaban os pintores como unha muller que amamanta a un neno, e así a Virxe María e o neno lactante están en todos os museos, en todos os libros de arte, xunto coas mulleres núas que representan a divindade (Boticelli), a abondancia (Rubens)... Pero o escándalo é unha das cousas máis estrañas que existen: son as mesmas cousas as que á vez confortan e escandalizan, as que simbolizan o Ben e o Mal, as que atraen e repelen. Todo depende das circunstancias e do ritual, e o ritual da arte non é o da televisión aínda que os espectadores sexan os mesmos. E mentres tanto, con toda esta cuestión mamaria pasa desapercibido o que de verdadeiramente escandaloso tería o anuncio, ao meu ver: que o neno acaba escollendo o pezón da dereita, como dicíndonos a quen temos que votar.