Un pouco de calma

OPINIÓN

PILAR CANICOBA

07 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ATRIBÚESE a Napoleón a frase que lle di ao seu axuda de cámara: «Vísteme despacio que teño presa», uns din que a piques de entrar en batalla e outros que camiño dunha cita de amor. Tanto ten. En galego, despacio tamén quere dicir a modo, con xeito, poñendo cada botón no seu ollal e cada brazo na manga correspondente. O Goberno empezou acelerado. A realidade política, en xeral, está acelerada. Cando apenas pasaron dous meses dende as eleccións do 14-M, e menos de trinta días dende a investidura de Rodríguez Zapatero, a sensación de nordés trae de cabeza os despachos, revolucionadas as redaccións (algunhas máis ca outras, tamén é certo) e acabou por descompoñer totalmente as axendas. ¿Cen días de cortesía parlamentaria? Onde van eles. A oposición (o PP) estaba pedíndolle explicacións ao Goberno, recén chegado e case que aínda non constituído, ¡ás corenta e oito horas!: medidas concretas, calendarios, comparecencias... Repase o lector os xornais. E o Goberno, non menos acelerado, lanzouse coa mesma furia a anunciar a nova realidade. Non me refiro á decisión de retirar inmediatamentre as tropas de Irak, que os acontecementos están a demostrar que foi atinado e estratexicamente conveniente que se fixese así (por razóns de seguridade e polo previsible horizonte de presións e confusión que se anunciaba). Falo de anuncios e declaracións como a reducción do IVA dos libros e dos discos por parte da responsable de Cultura, por exemplo, en contradicción manifesta coas directivas da UE; as medidas de control sobre púlpitos e mezquitas que, de súpeto, presenta o Ministerio do Interior (á fronte do cal está un xuiz de recoñecida traxectoria garantista); a promesa de mando único para a Garda Civil e a Policía, que xa se ve que non é cousa que se poida argallar da noite para a mañá... Empezou o acelerón coa decisión do goberno da Generalitat, presidido por Maragall, de suprimir unilateralmente a aplicación da Lei Orgánica de Calidade do Ensino, adiantándose con non demasiada prudencia ao Goberno do Estado, e todos a correr detrás, a ver quen chega primeiro: o Plan Galicia, as reformas dos Estatutos de Autonomía, a Lei contra a Violencia de Xénero, as axudas económicas á maternidade, o conflitivo trasvase do Ebro, o Plan Andalucía, o novo pacto antiterrorista, a política agraria, a pesca... E a oposición (o PP) coa aguillada detrás, cando non diante, que tampouco se aclara. Sospeito que a situación (os cambios) pillaron a case que todo o mundo co paso cambiado, por máis que agora algúns arúspices digan que xa o tiñan todo na axenda. Hai que tranquilizarse e acougar. Non se chega antes, nin mellor, por ir máis de presa. A cidadanía tamén o sabe. Dime un amigo que, en calquera caso, bendito sexa: «Cómpre abrir as fiestras, deixar que corre o aire, aínda que levante e revolva os papeis das mesas. Xa os arranxaremos despois...». Está ben. A demanda de oxíxeno, cando menos nalgunhas cuestións, é obxectiva. Pero un goberno (como a xestión das empresas, como a administración das familias) require tempo, análise da situación e decisións meditadas, ponderadas, contrastadas (non efectos especiais). Vivimos tan enguedellados na presión mediática, no escaparate das audiencias, que ao final acabamos convertíndoo todo en anuncio, sensacións emocionais, fume de palla, e iso -o tempo tamén o demostra- é suicida. Atención, pois, á sabiduría do vello emperador: «Vísteme despacio...». Aínda así acabou en Santa Helena.