Roma non pagaba traidores

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

MAIS o imperio que representa Bush, e non o soberano pobo norteamericano, si pode pagar traidores porque é un Estado moi rico, sobre todo polas riquezas que controla de outros pobos máis que polas que ten de seu. É en Norteamérica onde se enraiza a sociedade de consumo, onde se cría o neoliberalismo, onde se especula, ou se especulaba, coa globalización para que os mercados financeiros podan circular libremente por todas as partes do mundo, mentras a mesma liberdade de circulación se lle nega aos homes; é, pois, o imperio do toma e daca, casa de troco, lonxa de contratación, ademais de que para nós os españois foi o que máis nos ten roubado nas nosas nacións irmáns iberoamericanas. Ese «home de confianza», o xeneral Mohame Saleh, élite da Garda Republicana do exército de Sadam, vestido co mesmo uniforme, que agora o utilizan os ianquis para lle sacar as castañas do lume de Faluya, un non sabe por que os ianquis lle perdoaron a vida... se será dos que traizoaron a Sadam Huseín... esto non se entende, aínda que podería ser un mal menor deixarse engaiolar por traidores que polas mentiras liberadoras de Bush. Un fica coa dúbida de que este Saleh poda ser o caso típico dos homes duplicados , que diría Saramago, que nos podemos atopar á volta de cada esquina. Salvo este incidente, que pode repetirse en Nayaf, e que todo apunta a que non pase da estratexia para salvar unha pedra no camiño de converter ó Iraq nun protectorado (a estas alturas do século XXI) até que lle chuchen todo o petróleo que ten nas entrañas. Pouco lle vai importar aos iraquíes que se retiren desa guerra tropas de outros países que lle foron a axudar, pois poden substituír todo aumentando a masacre e aplastando todo con esas armas de destrucción masiva, que eles si teñen en abundancia, e logo de dous ou tres millóns de mortos o resto da poboación renderase á realidade coa que se atopan porque «...Dios ayuda a los malos cuando son más que los buenos», que dixo Don Miguel. E en medios de destrucción non hai quen lle poña o pé diante aos ianquis. Quen podería pararlle os pés ao imperio de Bush e da súa tropa era a ONU -se aínda ten vida e serve para algo-, a Unión Europea -esta flamante institución que podería ser a salvación do mundo e que polo seu bo goberno facemos votos-, Rusia, China, o Vaticano, a América Latina... pero cada un ten os seus problemas, e eso do abastecemento do petróleo, que é o que asegura que as cousas non retrocedan do nivel desta sociedade da opulencia até que consumadas todas as apetencias e consumido todo o que as sostén vai ter a humanidade a sorte apocalíptica que ela se labrou.