30 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

PARA OS ANTIGOS gregos era unha maneira de designar o seu país, o seu contorno natural, e por extensión as terras de Poñente, fronte ás de Oriente, que eran o espazo dos grandes imperios (e das grandes ameazas, naquel tempo). Roma instaurou nela o seu dominio e, en certa medida, puxo os alicerces da súa unidade política e cultural (de civilización), que a igrexa cristiana fixo propia e continuou despois. Carlo Magno (768-814) foi coroado emperador no ano 800 polo Papa León III e imaxinou a súa reconstrucción, fundamentándoa no señorío dos francos. Logo viñeron os Otóns do Sacro Imperio Romano-Xermánico. Dividiuna a Reforma. Intentou relanzarse, con nomes e intereses diversos, en diferentes ocasións, entre disputas e guerras incontables. A coroa de Castela e os portugueses, xunto cos intereses comerciais e estratéxicos de Inglaterra e os Países Baixos, abrírona cara á outra beira dos océanos. Quixo reagrupala Napoleón, co espírito da Revolución de 1789. Alemaña e Franza disputaron a súa hexemonía. Ardeu co nazismo, que acabou envolvéndoa no seu soño ario, totalitario e xenófobo. Desangrouse. Incendiouse. Descompúxose mil veces. Outras tantas rexurdiu das súas cinzas, coma o Ave Fenix. E aquí está novamente. Mesmo as súas fronteiras son difíciles de establecer. ¿Onde remata? ¿Nos Urais? ¿Nas grandes chairas rusas? ¿No Bósforo? ¿Son os turcos (os antigos otomanos) tamén europeos? ¿Que novo (e vello) espazo volve configurarse agora? ¿Con que principios e intereses? A miña xeración educouse nunha contradicción un tanto esquizofrénica. Por unha banda, sentiamonos europeos. Por outra, os Pirineos arredábannos do proxecto común, que dende a Segunda Guerra Mundial e o Tratado de Roma (1957) intentaba de novo a reconstrucción do espazo derramado. Fixémonos europeos contra Franco, mesmo sen coñecer Europa. Soñabamos Europa porque soñabamos a liberdade, os principios da modernidade laica, a Declaración de Dereitos Humanos, a cultura das Luces e a democracia. «Galegos por nación, españois por historia e europeos por vocación», gustaba de dicir Ramón Piñeiro. Europa rexurde e avanza. A nosa incorporación a este espazo común, en 1986, significou un progreso obxectivo (tamén económico) da nosa realidade social e política. E non obstante, aínda sendo así, nada é perfecto. Os paraísos non existen. Europa, a nova Europa en construcción, significa tamén un novo risco, un desafío, diante do cal cómpre estar preparados para actuar (para exercer como europeos). Non estou seguro de que sexamos conscientes da trascendencia que supón a ampliación de 15 a 25 membros da UE, que hoxe se confirma. ¿De que Europa falamos? ¿Que modelo estamos a construir? ¿A Europa dos pobos e das liberdades? ¿A Europa dos negocios e dos mercadores, tal que as voces máis críticas denuncian? ¿Cantos cidadáns galegos (e españois) coñecen realmente o proxecto de Constitución que se anuncia (e que deberá someterse a referéndum no seu momento)? ¿En que medida esta nova realidade (imparable) vai modificar as nosas vidas, a nosa identidade, as nosas economías domésticas, o futuro dos nosos fillos? Educados xeracionalmente no isolacionismo autárquico do franquismo, onde todo o exterior era hostil ou non existía, témome que os máis de nós sigamos pensando (aínda) que isto non vai connosco, que o discurso é un escenario retórico, unha andrómena, unha fantasía, como cando a estudiabamos nos libros escolares, unha abstracción. E estamos a falar exactamente do contrario: realidades concretas, decisións que nunha dirección ou noutra van determinar as nosas pequenas ou medianas existencias, voces que poden falar por nós, intereses en competencia. O 13 de xuño convócannos a eleccións.