PORTUGAL hoxe pouco se parece ao de hai trinta anos, cando principiou o cambio do que foi parteira a Revolución dos Caraveis. Pero o proceso revolucionario alentou esperanzas que só se cumpriron en parte e, cecais por iso, Saramago ven de declarar que non queda nada dos ideais do 25 de abril. Mais a frustración das enormes mesmo esaxeradas- expectativas xeradas daquela non oculta o substancial do cambio portugués: o paso da dictadura á democracia, a descolonización e o desenvolvemento. « O povo é quen máis ordena», cantaba José Afonso en Grándola e así é hoxe na imperfecta -como todas, por definición- democracia portuguesa. Unha revolución é sempre un conflicto civil que se segue proxectando cara o futuro varias xeracións. Hoxe, a dereita, sempre respetuosa das súas raíces, segue sen querer asumir como propia a Revolución. Por iso o actual Goberno quixo celebrala como Evolución nos carteis oficiais, nun afán falsificador do nome que a Historia quixo outorgar a aquel proceso do que renega, mesmo simbólicamente, expulsando os caraveis das súas lapelas. A revolución foi un proceso socio-político que seguíu a un acto estrictamente militar e que abriu un mundo de posibilidades en tempos de efervescencia das ideoloxías de extrema esquerda do post-68 francés. Pero a mobilización social é un estado excepcional que sempre ten o seu día D: o da desmobilización. Poucas constantes históricas son tan evidentes coma esta dende o mito fundacional da Revolución francesa de 1789. Esquécese de cote que a Revolución portuguesa de 1974 trascende con muito as súas fronteiras. Pois foi a pacífica acción dos capitáns de abril a que inaugurou a onda democrática da que hoxe segue a disfrutar o sul de Europa. En Grecia o réxime dos coroneis caeu tres meses despois de Caetano e cando en 1975 morre Franco xa non pode haber outra saída en España que a democracia. Minusvalórouse a rompedora influencia portuguesa, ao escoller por razóns ideolóxicas a transición española como modelo desta vaga democratizadora que liquida rexímenes enraizados nas condicións previas e posteriores á Segunda Guerra Mundial. Os caraveis de abril demostraron que a revolución democrática pacífica era posibel dentro da OTAN e en plena guerra fría, aínda que para derrubar aquela primeira dictadura aínda fora necesaria a acción armada. Salazar e Caetano bloquearon aínda máis tempo que Franco a modernización social e económica pero non estaban sós. O medo dos poderosos que sostiñan os rexímenes dictatorias foi condición necesaria para abrir os procesos de reforma socio-política. Portugal foi quen de xerar o medo que alentou a recuperación da democracia en Grecia e España. Tal lle debemos. Un outro medo, á absorción castellanista, recorre hoxe Portugal. Sotense nun nacionalismo esencialista que ten no españolismo esencialista o seu inimigo histórico. Tamén en cuestións tanxíbeis como o negativo deseño das infraestructuras peninsulares, do Ferrocarril do século XIX ao novo trazado do AVE, centralizadas en Madrid en perxuizo dun Eixo Atlántico que fica subordinado.