A INHUMANA, recente e incesante actividade do integrismo islámico en España, introduce un novo e preocupante parámetro nos problemas de Estado e, por extensión, na política europea. Por unha parte, coloca nun segundo plano a violencia de ETA, porque a acción indiscriminada de Al Qaida réstalle impacto mediático á súa estratexia terrorista, especialmente para unha organización debilitada que posiblemente, agora máis que nunca, desexaría negociar. E, se cadra, esta pode ser unha boa oportunidade para tentar a definitiva pacificación de Euskadi. Ademais, faise evidente que, desde hai moitos anos, a desigual relación entre Occidente e os países árabes está construída con prepotencia a partir dos intereses dos Estados Unidos e Europa e, aínda máis, a partir dos grandes negocios das altas clases dirixentes americanas, que fixeron e desfixeron pactos con deus e co demo alí onde lles conviña en cada caso. A manifestación última destas relacións son as agresións militares, realizadas coa complicidade ou á marxe de institucións internacionais como a ONU, agora desvalida de autoridade tralo ataque a Iraq. Tristemente, até o de agora Europa renunciou á creación e consolidación dunha política exterior propia, coherente e consecuente cos ideais da Ilustración e da razón europeas, que constitúen os cimentos da súa civilización actual. Historicamente, Europa logrou dominar o integrismo católico (non é necesario que lembremos agora a Santa Inquisición) cando determinou a separación entre a Igrexa e o Estado. Pola contra, contribuíu con EE.?UU. a asfixiar os Estados árabes de carácter laico (e o Irak de Sadam Huseín, primeiro atacado e embargado e posteriormente invadido, é só o máis recente exemplo), ao tempo que se rendeu ao silencio e á complicidade ante as atrocidades islamistas que cometen algúns países árabes tradicionalmente amigos de EE.?UU., como Arabia Saudí. Os brutais atentados integristas en España son unha consecuencia clara da irracionalidade e dunha interpretación desvirtuada e fanatizada que o integrismo fai do Islam, pero non é menos certo que tamén son producto de moitos anos de prepotencia occidental, dominación e negación dos problemas dunha parte cada vez máis importante e puxante da humanidade: os países árabes. E iso non se soluciona nin co exército nin coa policía.