«En galego estamos no mundo»

| LOURENZO F. PRIETO |

OPINIÓN

FOI O LEMA dunha campaña da Universidade de Santiago na etapa do goberno nacionalista do rector Villares. Nas próximas eleccións europeas o BNG vai ter que afrontar o empeño de poñernos outravolta no mundo en galego. Non con acento galego como pode facer o PSOE, nin exercendo de galego como o PP, senon en galego. A diferencia reside nas lealdades primordiais. Estes cinco anos demostraron que non é o mesmo ter eurodeputados galegos perdidos nas lóxicas estatais dos seus partidos que ter eurodeputados como Camilo Nogueira, capaz de falar en galego en Bruxelas, sen máis ataduras que os intereses do seu país. Mais agora o nacionalismo galego ten dúas dificultades para revalidar a súa representación. Por un lado, a reducción dos eurodeputados españois e a circunscripción estatal fan case imposible lograr ao BNG un eurodeputado en solitario e póñenllo dificil ao PNV. Imponse pois unha coalición nacionalista. A dúbida é cómo e cal. ¿Cos partidos da Declaración de Barcelona ou coa nova estrela de ERC? CiU tamén está disposta. A disxuntuva esquerda-dereita que nos últimos tempos quixo evitar o BNG con escasa fortuna volve situarse no centro da cuestión. O nacionalismo galego aposta por unha grande coalición superadora da disxuntiva pero existen dificultades, derivadas da política catalana, para que ERC asuma uunha lóxica que tería grandes beneficios para Galiza, á hora de situala cunha voz forte en Europa e en Madrid. As diferencias entre PNV, CiU, BNG, ERC, dilúense na escala da representación das nacións en Europa, como tamén na lóxica de afortalar as propostas de rearticulación do Estado cara un sistema realmente plurinacional, negociando co novo goberno a tres voces, en troques de con varios solistas. O obxectivo do BNG non pode ser pedir estatuto de nación senon logralo e este sería un bon paso no camiño. De non aceptar ERC a grande coalición, a opción do BNG tería que ser a da Declaración de Barcelona, en pe de igualdade, fronte ao papel de segundón sen praza que lle deixaría unha ERC en rutilante ascenso. Pero unha Galeuzca con CiU e PNV léva de fronte ao segundo problema, pois podería acrecentar as dificultades do BNG para facerse útil diante dun tercio do seu electorado que, segundo o resultado das xerais, sitúase na esquerda contra o PP e é quen de marchar co PSOE. Para o BNG, a lección das xerais plantexalle dúbidas estratéxicas sobre o rumbo dos últimos anos e esíxelle un bon resultado electoral. Non sendo o momento da flaxelación si é o de recoñecer con J. Afonso que o povo é quen máis ordena. Úrxenlle iniciativas na nova situación: cun PSOE cheo de xente nova en votos e caras, comprometido na cuestión feminina ata chegar á paridade no novo goberno e que, empeñado en non defraudar, pasou do atinado ZP electoral a convertir o desconfiado non nos falles en lema de Goberno. O BNG, que non soubo prever que podía defraudar no goberno das cidades, empeza a decatarse de que contra Fraga vivía millor pero xa sabe que o Nunca Máis ou as mobilizacións contra a guerra non abondan. Precisa tomar iniciativas que acrediten as súas propostas.