Cen anos, a conserva

OPINIÓN

26 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTÁ ACREDITADO polos historiadores: a revolución industrial chegou a Galicia da man do desenvolvemento da industria conserveira. Este ano celébranse cen da Unión Conservera. Semella acaído celebrar que institucións económicas e sociais pervivan nesta nosa terra de tan poucas empresas de longo alento. A razón para a celebración vai a máis se atendemos algunhas das características nas que o sector conserveiro sobrancea no noso mundo industrial. De primeiras, mais aló de iniciativas primeirizas, aquela que está na súa orixe: un proceso de deslocalización da industria conserveira francesa a fins do século XIX, motivada pola escaseza de materia prima (sardiña) na súa beiramar. De ahí, transferencia de tecnoloxía e de capitais, co gallo de atender un mercado desabastecido. De ahí tamén a revolución industrial galega. O mantemento, cen anos, da industria conserveira pasando por dúas guerras mundiais, unha guerra civil, unha dura e protectora etapa autárquica, permitiron que perviva, vizoso, este sector industrial que foi xermolo dunha economía moderna. Chegaron hai pouco tempos de mudanza, economía globalizada, integración na Unión Europea. Logo de idas e voltas por ver de se acomodar ás novas situacións, deixáronse no camiño as posicións máis proteccionistas -herdadas daquela longa etapa autárquica- e asentadas na característica dualidade das empresas do sector. Fóronse asumindo os novos tempos, e nese proceso desapareceron empresas e empregos, mais tamén medraron empresas e producción, os mercados e a capacidade de innovación. Competir nos mercados é capital. Escasea a materia prima na nosa beiramar e a industria depende do suministro exterior. Problemas, pois, derivados daquel da globalización. Todo elo ben pode dar na deslocalización das grandes empresas ou, para ben, tan só nun proceso de expansión. O reto galego estará non tanto na viabilidade ou expansión das sociedades empresariais, senón en atopar camiños de viabilidade para manteren ese noso tecido industrial conserveiro. Por ver se é posible celebrar cento cincuenta. Con ben.