Matar a un xeque

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

É DIFÍCIL atopar outro termo, así que digamos que o asasinato onte en Gaza polo exército israelí do xeque Ahmed Yasín é, simplemente, unha mostra de forza. A exhibición de músculo dun país, Israel, que se considera xa a salvo de calquera sanción, de calquera reprimenda seria. Iso e tamén un experimento coa ira dos palestinos. Nada máis. Non hai aquí nada de prático, nada de útil, nada de necesario para esa coartada inacabable que é a seguridade do pobo israelí, porque hai xa anos que Yasín non dirixía personalmente a organización islamista Hamás, e canto ó seu brazo armado, as Brigadas Izzedim al-Qassem, posiblemente non as chegou a dirixir nunca. Yasín era ante todo un «sheikh», é dicir un xeque, un home considerado virtuoso na comunidade e por isto mesmo influínte nas súas opinións, nin sequera un ideólogo. Yasín era simplemente un símbolo, e ese símbolo é o que quixo destruír Israel ó matalo e sobre todo ó facelo dunha forma considerada humillante. Pouco ou nada ten isto que ver coa loita contra o terrorismo. O simbolismo de Yasín é ata máis fondo do que en principio podería imaxinarse. Mesmo nas actuais circunstancias, e contrariamente ó que se cre, o islamismo segue a ser unha forza minoritaria na sociedade palestina (apenas chega ó 20%). Os palestinos son, en xeral, laicos e mesmo Hamás, ao meu ver, é en realidade unha organización nacionalista cun verniz islamista non moi mesto (cando iamos a Gaza entrevistar ós seus líderes, Juan Cierto, do ABC , pagaba ó seu contato cunha botella de whisky; ata aí o islamismo dalgúns membros de Hamás). Non, Yasín non representaba aos palestinos polo seu credo, pero parapléxico na súa cadeira de rodas (lesionárase ós 12 anos xogando ó fútbol), creo que encarnaba á nación palestina xustamente por isa inmobilidade forzada, pola súa soidade e a súa desgracia. Yasín era unha metáfora viva dun pobo tamén inmobilizado á forza, impedido, lisiado de por vida. Se Israel enviou agora un helicóptero a Gaza para acabar con el é porque considera que é chegado o momento de converter a metáfora viva en metáfora morta dun pobo morto. Ese momento está, sen dúbida, ben elixido desde o punto de vista do governo israelí. O actual gabinete atópase nunha travesía difícil, entre os procesos por corrupción (son varios) que acosan ao seu primeiro ministro Sharon e as consecuencias políticas da construcción do muro de Cisxordania. É a clase de situación na que os líderes israelís (é inxusto sigularizar a Sharon por algo que fixeron todos os seus antecesores) optan por unha labazada violenta na mesa como a de onte. Matando a Yasín lánzase un envite a Hamas. Se non dá respondido cun baño de sangue, desprestixiarase; e se enche de cadáveres unha cafetería en Tel Aviv, Sharon recibirá un balón de osíxeno. De paso, tamén se deixa fóra de xogo a Arafat, ó chapuzar na lama do enfrontamento relixioso, un terreo no que Fatah nada ten que dicir (o conflito nunca foi relixioso para eles). É algo que, en Israel, sempre funciona.