Botar ao PP

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

15 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ERA A urxencia deses votos para despois dunha guerra. As guerras civiles na civilizada Europa de hoxe son electorais. Costou traballo pero logrouse. Onte houbo unha guerra civil nas urnas para decidir sobre esta nova guerra do século XXI na que nos metera Aznar e na que Atocha foi Guernica. Deliciosa Democracia. Sistema ideal que non existe, pero que funciona na hora da verdade. Ningún corpo electoral votara na Historia nas condicións emocionais e políticas deste domingo pasado. O atentado de Madrid foi o maior ataque a civiles desarmados en Europa despois de 1945. O Goberno foi desbordado polos acontecementos e polos seus propios esquemas políticos. Non é que mentiran -estabamos afeitos- é que teimaron no erro. O atentado e a reacción aznarista crearon as condicións dunha guerra civil que se resolveu nas urnas, co corazón e coa cabeza. O que pasou foi sorpresivo, pero estaba inscrito nas tendencias das sondaxes previas. O resultado contra-pronóstico ven dun aliñamento polarizado en relación coa guerra e a paz e, sobre todo, da raiba deses votantes da esquerda que ficarían na casa atordoados pola mensaxe dunha dereita, democrática sen dúbidas, pero sociolóxicamente franquista, que traballa a despolitización e a pasividade do contrario, mentres garantiza o voto propio. A polarización demostrouma a miña filla Claudia, de sete anos: «P ara que perda Aznar ten que ganar Zapatero ». A reacción dos votantes non foi infantil, mais simple, esquemática. A maioría foi votar para botalos e buscou a forma que crían máis segura de derrotar ao PP. A xestión da crise retirou o veo. Reparen senon na cronoloxía das decisións do 11-M. Ás 8 salta a noticia dun grande atentado. Ás 8.40 o PP suspende os actos electorais pero ningún dirixente fai declaracións nas horas seguintes. Só Acebes, como ministro, nunha lóxica de campaña. O gabinete de crise non se reúne ata as 11. Ata as 14.30 non comparece o presidente Aznar, sete horas despois do antentado, e faino tamén en termos electorais. Non houbo chamada inmediata á serenidade, ninguén se puxo á fronte da door ¿Que fixeron tanto tempo? ¿Análises de campaña? Durante a mañá actuaron os resortes do Estado para emerxencias, axiña a sociedade, os partidos, a Fegamp aquí, as universidades. Os cidadáns concentrámonos ás 13 horas. O indignante foi a inercia electoral no tratamento do problema, fronte ao drama vital que se vivía. O Goberno non se fixo cargo. Non estivo á altura. En Galiza, a polarización electoral foi extrema: as ganas de botalos teñen máis historia. O BNG marcou un chan estructural firme pese a que as tendencias xa anunciaban un deputado menos. Nas novas condicións prestoulle un terzo de votos ao PSOE. Terá que relativizar o dificil empeño de buscar os votos no PP. Cousa dificil cando o electorado quere derrotar ao PP. Sempre foi na esquerda e co PSOE onde competiu millor. O PSOE aumentou en Galicia os 100.000 votos que perdeu o BNG, os 40.000 que perdeu o PP e todo o voto que a xenreira arrincou da abstención. Tanta que a muitos nin lles importou votar ao vazquismo. A guerra ganou á memoria do Prestige . O Non á guerra do Estado fixo esquecer o Nunca Máis da Galiza.