No 25 cabodano de Luís Seoane

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

15 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

CERTO que o inconformismo vai só para o tempo que unhas circunstancias negativas mantiveron os millores anos da vida de Luís no exilio. Hoxe as circunstancias son outras e hai unanimidade en recordalo como un exemplo aos 25 anos da súa morte o 5 de abril do 1979. Os próximos días 26 e 27 do presente mes de marzo a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia organiza unhas xornadas para inaugurar o evento destes vintacinco anos que se acercan sen Luís Seoane. Estes actos celebraranse no novo e magnífico edificio da Fundación que o Concello da Coruña levantou sobre o que foi cuartel de Macanaz, nunha zona privilexiada a carón do rectorado da universidade herculina, na Maestranza. Abrirán estas xornadas Xesús Alonso Montero e Xosé Luís Axeitos, que son os primeiros que se teñen preocupado do significado non só da súa arte, tamén como polígrafo comprometido co seu tempo e coas causas xustas que estiveron a recuperar a memoria histórica de Galiza. Seguirán outras conferencias de Mª Victoria Carballo Calero e de Mª Antonia Pérez e tres mesas redondas nas que estarán Pepe Barro, Euloxio Ruibal, Manuel F. Vieites, Iolanda Ogando, Alberto González-Alegre, Antón Patiño, Antonio Garrido, o meu fillo Xosé e seu pai. Todo elo coordinado por Charo Ferreiro e Inma Pena. Tamén o Museo Carlos Maside (obra excepcional creada por Luís Seoane no que se recolle por primeira vez o movemento renovador da arte galega en relación coas vangardas históricas, aínda que non logramos desenvolver nel todo o proxecto que Luís ten soñado); este museo, digo, vai recordar a Seoane o mesmo día 5 de abril volvendo a montar a exposición que se fixera ós 10 anos do seu pasamento. completada agora cunha mostra gráfico-bibliográfica da súa obra e da súa personalidade. Con este motivo presentarase o libro Luis Seoane, notas ás súas cartas a Díaz Pardo, en edición de María América Díaz. Trátase dun volume que recolle 160 cartas de Luís escritas ao longo de 22 anos, nas que teñen gran importancia as notas sobre persoas e circunstancias que aparecen no epistolario, moitas das que non se tiña coñecemento. Por outra banda, a Fundación Luís Seoane proponse facer seis encontros sobre 25 anos despois , que transcorrerán dende maio deica novembro deste ano pra manter vivo o espírito renovador de ideas e de formas como Seoane quería, porque se ben el era un gran plástico, sobre todo era un home universal que tiña ideas moi craras do mundo cos seus problemas, que vivían dentro del mesmo. Finalmente, na mesma Fundación Luís Seoane proxéctase facer unha exposición sobre as relacións de Seoane con Julio Cortázar, do que se están celebrando os 90 anos do seu nacemento, baixo unha proposta de Fernández Naval. E todo supervisado pola actual directora, Silvia Longueira.