O TEMPO cambia para que os tímidos poidan conversar. Os tímidos, pensa un, a penas falarían de non ser polo tempo variable, e é gracias á climatoloxía que tantos homes e mulleres poden comezar a comunicarse sen esforzo e ter algo que dicir. Gracias a iso e á saúde, que tamén existe quizais para iso: para que poidamos interesarnos os uns polos outros e ter por onde empezar. Sen o tempo e a saúde (en realidade, a falta dela), a xente a penas falaría entre si e pode que nin sequera tivese evoluído a linguaxe, que algúns pensadores cren que naceu para satisfacer o desexo universal de queixarse e a tentación non menos universal de interesarse polas queixas dos outros. Está ben, pois, que cambie o tempo de vez en cando. O destas últimas semanas, sen embargo, debeulles parecer demasiado mesmo ós máis introvertidos dos tímidos, porque en tan só uns poucos días fomos pasando por case que todas as estacións. Tivemos un caloroso veranillo de San Blas que a chiscos se converteu nunha primavera con días de frío metidos polo medio, todo dun xeito desordenado. Os paxaros, din os ornitólogos, estaban desconcertados sen saber se ir ou vir. Saían flores e quedaban apampadas. E agora chegou esta neve que non é en realidade tan estraña a estas alturas do ano pero que, precedida por aquela explosión de vida do mes pasado, parece que chega a traizón e tamén nos deixa a nós apampados. A neve chega de vez en cando para igualar o mundo durante uns días. Con todos os problemas e molestias que causa, non deixa de ser tamén unha especie de signo de paréntese que se abre durante uns días, como se alguén quixera que reflectísemos. A neve, de feito, trae o seu propio silencio consigo, que os científicos explican pola relación da súa masa e o seu volume (que lle permite absorber os ruídos) pero que cando un o escoita, despois de parar o coche na beiravía e apagar o motor, é un silencio como de convento ou de fin do mundo. E por iso quería dedicarlle estas liñas antes de que se desfaga de todo, deixando hoxe de un lado os espasmos políticos e o cartel de cego das desgracias no mundo. A Natureza, que ten a súa propia política e que tamén toma decisións que nos afectan a todos, tamén merece de cando en vez unha opinión, ou un artigo.