XA LLELO DICÍA eu nestas mesmas páxinas: que me parecía que do arsenal de desculpas dos políticos desaparecera o malentendido, sustituído pola broma como xustificación universal. Todo o que antes era desliz é agora chiste, toda metedura de pata convértese nunha chanza que non se comprendeu ben, e esta é a grande contribución desta campaña electoral en concreto. ¿Que o ministro de Defensa lamenta non ter atacado Marrocos antes? Unha broma ¿que ese mesmo ministro dá esmola a unha xornalista nunha rolda de prensa? Pois para escachar coa risa. Está ben, porque así todo é máis divertido. Mágoa que o último dos irmáns Tonetti, falecido a semana pasada, non viva para ver este tardío recoñecemento da súa profesión. Pois isto dicíamos antonte, e xa temos outro chiste para o repertorio. Esta vez o salta á pista o presidente da moi nobre e antiga Comunidade Autónoma de Murcia, o señor Valcárcel, que ven de chamar borracho ó presidente de Cataluña. Xa o oirían: Valcárcel, que eu imaxino ferozmente abstemio, comentou que non entende por que Maragall se opón ó Plano Hidrolóxico Nacional cando só se trata de auga «e non de viño, que é o que el consume por hectolitros». La alegría de la huerta , como reza o título da zarzuela murciana de Chueca. A palabra rivalidade ven de rivus , río, o que xa dá pistas de ata que punto foron sempre conflictivas estas cuestións de augas, así que nós non nos meteremos a dilucidar quen pode ter a razón aí. Nada sabemos tampouco da suposta dipsomanía de Maragall. Se acaso, o que nos parece un pouco tabernario é o comentario de Valcárcel. O de converter a auga en viño fíxoo no seu tempo Xesús nazareno con certa gracia, pero este outro Canán verbal do presidente dos murcianos parécenos bastante menos afortunado. Parécenos incluso un insulto gratuíto. Pero resulta que non, que, segundo Valcárcel é, naturalmente, unha broma. Outra broma que non se entendeu, e se sacou do seu contexto. Un non ten máis remedio que preguntarse qué será o que entenden en Murcia por contexto. Se cadra pasa como cos pementos de Murcia, que os huertanos din que son como os de Herbón, pero que logo resultan ser outra cousa que non ten nada que ver cos nosos. E moitos dirían que nin sequera cos pementos. Esperemos que non sexa para regalos para o que queren a auga, porque entón, Maragall ten certa razón en non dárllela. Non debe. Nin borracho. mmurado@yahoo.com