DADA a repercusión que ten en Europa a política norteamericana, hai que procurar enterarse da vida e milagres dos que aspiran a suceder Bush. Así polo menos saberemos o que nos agarda. Cando comezaron as primarias para elixir ó candidato demócrata, o mellor situado segundo as enquisas era Howard Dean. As miñas colegas universitarias falaban ben del e do seu programa no que destacaba a necesidade de extender a cobertura sanitaria, moi insuficiente agora. Pero Dean veuse torpedeado na carreira presidencial tanto pola prensa como polo seu propio partido. Unha das razóns foi a súa tendencia a dicir o que moita xente pensa pero non se atreve a dicir. A outra é a súa muller, que non reúne os requisitos que se consideran indispensables para unha primeira dama. A saber: que viva só en función da carreira política do seu marido, o que supón asistir a todos os seus mítines con cara de arroubo místico. A muller de Dean é medico, igual ca el, segue ocupándose do seu traballo, e atende á prensa só nos días libres, pecado imperdonable para quen aspira á consorte presidencial. Esta atención dos medios de comunicación e da sociedade á futura muller do presidente interprétase alí como un signo da súa importancia na vida deste. Pero en realidade é un signo de conservadurismo. A imaxe que os americanos queren ver nunha futura presidenta consorte non é a dunha muller independente, con ideas propias, cunha profesión autónoma, senón a do repouso do guerreiro, a dunha muller que vive por e para o seu marido, dócil, sumisa, abnegada e sacrificada a el. Recordemos que a Hilary Clinton se lle reprochou influír nas decisións do marido. A muller non ten que aportar ideas, só apoiar as do marido, sexan cales sexan. Cando lean estas liñas, eu estarei, Deus e aduaneiros mediante, nos Estados Unidos, e xa lles irei contando. De momento o que me parece lamentable é que un país que fixo un símbolo da estatua da Liberdade afunde no conformismo e nas tradicións máis reaccionarias.