Dez minutos sanitarios

OPINIÓN

13 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

OS MÉDICOS e o persoal sanitario da asistencia primaria -puntualicemos, algúns, só algúns- veñen de tempo reclamando alomenos dez minutos para atender a un doente. Un ben sabe que os tempos adiantan que da xenio velo, mais sabendo de certa caste de estajanovismo implantado na procura dunha mellora na calidade da asistencia sanitaria, aparvei. Claro que, ben pensado, o que non se pode aforrar en menciñas compre aforralo en profesionais. Todo non se pode ter. E agradecidos haberíamos de estar diante de tanta racionalización e xestión como se está a facer neste coma noutros eidos. Polo ben de todos. Certo que non estamos nos tempos, un supoñer, do doutor Laurentius, nin do seu esgrevio continuador o doutor Muir, que desenvolveron con proveito e mestría unha farmacopea fluvial contra da melancolía. O primeiro organizando un sistema fluvial múltiple no seu xardín que lle permitiu curar da doenza a moitos dos seus enfermos. Sistema eficaz pero caro demais, por canto non tódolos ríos coas súas correntes e os seus remansos acaíanlle ben a cada enfermo, e máis logo non eran transportables. O segundo, o doutor Muir, optimizando a farmacopea fluvial ó ser quen de substituír os cursos de auga polo que era só o seu balbordo ó decorrer, o seren ese seu ruxerruxe quen curaba os máis dos tipos de melancolía. Non inventado aínda o gramófono, nin o CD ou o DVD, o doutor Muir atopou a solución para optimizar a súa farmacopea dando con nove imitadores, a quen chamou rumores , das correntes de auga dos ríos da súa terra, podendo mandalos xunto de cada enfermo en función da súa caste de melancolía. O adianto permitiu prescindir dos ríos replicados, mais pasou a depender dos imitadores, e a rebaixa de custos nun seu tempo, desequilibrouse polo aumento da demanda de rumores -pouco doados de atoparen e ó cabo homes-, pois o tempo de tratamento sobardaba os tres minutos. E se ben don Álvaro Cunqueiro acredita que foi a primeiros do século XIX cando a farmacopea fluvial comenzou o seu devalo, non dá conta da razón dese devalo, sucedido non tanto porque non dera acaídos resultados médicos, senón porque se impuxo -xa daquela- un axuste de custos e unha racionalización da xestión. Se tal non tivera sucedido, quizá hoxe a melancolía sería só andazo de namorados e non pandemia.