Dimisionarios

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

TRATABAMOS o día pasado do dificil que resulta en España que os gobernantes dimitan para asumir responsabilidades políticas por erros políticos ou de xestión. Dicíamos que dimitir non é un suicidio político e Carod Rovira ven de demostralo. Sen entrar a valorar a valentía ou inxenuidade da súa famosa entrevista, o certo é que diante do coñecemento público da súa iniciativa, asumiuna como un erro político e dimitíu. Esta resposta política, tan dificil sempre e tan infrecuente entre nós, non abonda aos que nunca dimiten. Aí seguen os Ares ao cuadrado, Ramón e Jesús, que alentan o transfuguismo en Sada ou abusan de menores en Toques, os de Carral, os que carretan votantes en Bande, os que cumpriron condea en Xinzo. Os xestores da marea negra do Prestige , ascendidos ou retirados con honores. Suma e segue. Tamén dimitiu nesta semana o director da BBC, despois dos resultados do Informe Hutton en troques dun Tony Blair que saíu formalmente indemne da responsabilidade polo suicidio de Kelly e que logrou evitar unha derrota parlamentaria case cantada no asunto das taxas universitarias. O relevante é que os xornais ingleses daban por seguro que o primeiro ministro dimitiría, directa ou diferidamente, en caso de non superar ambos obstáculos. Mentres, vai tomando corpo, sen necesidade de que J. Le Carré o fabule, a sospeita de que a Moncloa filtrou, con fines electorais, a noticia da entrevista ETA-Carod. Constitúe unha última evidencia, para os despistados, de que o terrorismo vense usando por este goberno como un arma electoral. Por se houbera dúbidas, a mobilización contra Medem na entrega dos Goya pon a guinda. Pasáronse de vez. Por riba, ambas accións demostran que Raxoi-Rajoy (respetemos o bilingüismo harmónico) non debe ter as cousas mui doadas se o seu partido se emprega tan afondo en terreos tan perigosos. Teremos un xuiz Hutton ao que se lle encargue un informe independente ou quedarémonos cun Zaplana que pide probas e coa tímida crítica de Zapatero? Dimitirá alguén máis por este Cardogate ? Seguro que non. Aquí sempre dimiten os outros. Nestas últimas semanas abandonaron a primeira liña política dous concelleiros do BNG: Ramiro Recouso en Ordes e Bernardo Lorenzo en Ferrol. Aínda que ningún dos dous chega aos corenta anos levan muito tempo na actividade política e na loita cívica e institucional. Recouso encabezou localmente o crecemento da súa formación e estivo a piques de disputar a alcaldía. Lorenzo foi un dos dous primeiros vicedecanos estudantes da universidade española. Das súas declaracións dedúcese que o deixan pola frustración que produce a incapacidade para mudar os marcos establecidos e porque, pese á súa longa adicación, non son nin queren ser políticos profesionais. Traballan para vivir como a mioría dos cidadáns. Ambos expresan un sentido do compromiso político e do servicio público infrecuente por estes pagos. Pero ningún dos dous abandoa a política. Non se suicidan politicamente, só deixan sitio a outros con máis folgos. Así vai o conto, os novos marchan para renovar mentres aí seguen os que se consideran nacidos para gobernar.