ASÍ QUE ERA amor libre. Así que o do alcalde de Toques, que a todos nos parecía un caso bastante claro de abusos deshonestos, é en realidade un apego á cultura da xeración hippie . Así que este don Jesús Ares non é un vello verde, como parece, senón máis ben un émulo de John Lennon. Un nostálxico, en fin, dos anos 60, cando era por certo xa alcalde, anos nos que Toques debeu ser, imaxinamos, un lugar tremendo de experimentación sexual e Flower Power. Pois a verdade é que non o parecía, lendo o que escribiu o xuíz na súa sentencia do caso, onde consideraba probado que o ancián munícipe tocou e bicou á rapaciña, como se se tratase dunha representación de El sombrero de Tres Picos (onde tamén había un rexedor igual e unha rapariga). Menos mal que aí estaba o noso presidente para darnos a interpretación correcta deste episodio de abusos de menores que, xunto cos abusos de maiores no Concello de Sada, están danando a imaxe do alcalde galego, ese personaxe que o programa Galicia no Mundo lograra xa facernos tan entrañable. Como saben, o que Fraga fixo foi sinalarnos a hipocresía das xentes da esquerda que «promovendo o amor libre» se escandalizan dos seus resultados, como por exemplo no caso do alcalde de Toques. E pode que teña razón don Manuel no de don Jesús, porque o coñece mellor ca nós. Pero no que se engana é tocante ó amor libre, que é un dos referentes que foi perdendo a esquerda e que ultimamente se atopa moito máis no Partido Popular. É o ex-ministro Álvarez Cascos, por exemplo, quen agora representa o amor libre en España, máis que ningún progre . Así que ninguén se vai sorprender se o alcalde de Toques quere converter a nobre Terra da Ulloa nunha nova California de experimentación sexual ou de si don Xesús Palmou transforma a romaría do Faro nun novo Festival de Woodstock. O problema co amor libre de Toques é outro: é que, amor non sabemos, porque o corazón humano é insondable, pero libre, o que se di libre, non parece que fose moito. Máis ben dá a impresión de amor algo obrigado. E de aí seguramente a denuncia da rapaza, quizais demasiado conservadora, aínda cos seus dezaseis anos e todo. E de aí tamén a condena do xuíz, se cadra alienado pola moral burguesa. E de aí o escándalo da xente, e o rebumbio tras as palabras de Fraga. E é que non só non está ben abusar da inocencia dunha rapaza. Tampouco se debería pretender abusar demasiado da nosa.