A FÁBULA dicía que unha república semella un corpo humano: consta de moitas partes con cadansúa función. Se puidesen falar, todas se revirarían contra o estómago, pero ¿como viviren sen mantenza? San Paulo fai catequese ós corintios para falar da unidade e pluralidade do corpo de Cristo. Distínguese un triplo corpo de Cristo: a) o físico histórico, agora glorioso; b) o místico ou eucarístico: misterioso ou sacramental, simbólico; c) o eclesial, a comunidade. Entre o segundo (eucaristía) e o terceiro (Igrexa), houbo un vínculo moi estreito que agora se dá entre os dous primeiros: o corpo físico e o eucarístico. Moita xente cre nunha manducación biolóxica. Léon-Dufour afirma que algúns fieis, vendo no corpo a complexión física de Xesús, identificaron o pan material co seu corpo físico: facían da hostia unha impanación e o comungante dixería o corpo físico de Cristo. Hoxe falan dunha presencia real, mais non física ou biolóxica senón simbólica.