O mono de Zaplana

OPINIÓN

MENCIONABAMOS aquí hai un par de semanas a cuestión dos dereitos do mono. Foi, se ben se lembran, a raíz da proposta que facía Peter Gabriel, o cantante e activista británico, quen (quizais máis en calidade do primeiro que do segundo) propuña que se lles outorgasen algúns dereitos humanos ós simios. Advertiamos daquela que os primates podía tomar esta reforma constitucional polo que non era, e crecerse. E xa temos aí o resultado: ese mono capuchino que se fixo forte o luns nas oficinas do Ministerio de Traballo de Málaga e que, como saberán, só conseguiu desaloxar onte unha insólita cooperación entre Guardia Civil e etnia xitana (foi un veciño da barriada quen atopou ó bicho e llelo entregou ás autoridades). Mais eu non lle botaría a culpa a Peter Gabriel do deste mono en concreto (que non creo que saiba quen é Gabriel, como non o sabe tanta xente) senón ó ministro Zaplana. O simio malagueño, evidentemente, malinterpretou a campaña institucional do seu ministerio. A campaña de Traballo e Asuntos Sociais era tan triunfalista, e falaba de estender as prestacións sociais ata tales límites que, inevitablemente, acabou animando ó pobre primate a converterse en pensionista ou empresario autónomo, que é o único que se me ocorre que podía querer o animaliño nas horas de atención ó público. E iso que o lema era nidio: Lo nuestro son las personas . Pero o mono, ou non entendeu a Zaplana ou non lle creu, que me temo que é algo que lles pasa cada vez máis, non sei se ós monos, pero desde logo a bastantes seres pensantes. Menos mal que a Xunta Electoral Central obrigou onte a Zaplana a retirar esa publicidade institucional que levaba a ferro e fouce desde que se convocaron eleccións. Fan ben quitala, non xa por manter os principios do xogo limpo na democracia (que é a razón aducida), senón porque á vista está que todo ese triunfalismo estaba afectando ós televidentes menos preparados. Vale que agora diga Zaplana que o único que pretendía era facer chegar de forma simple os logros do ministerio pero, claramente, esta vez foiselle a man na simplificación. E lonxe de min insinuar con isto que esta clase de campañas estean pensadas para tratarnos como seres irracionais, madialeva. O que pasa é que o mono ó ser, digámolo así, unha versión simplificada do ser humano, é lóxico que lle cheguen con máis forza as ideas simples, os simplismos e xa non digamos as simplezas.