FOI SIR BOYLE ROCHE, membro da Cámara dos Lores, quen dixo nun famoso discurso que «ningún home pode estar en dous sitios á vez, a menos que sexa un paxaro», frase que resultou tan enigmática entón como o segue a ser para nós. Está claro que sir Boyle non comprendera ben en qué consiste a ubicuidade, a propiedade dun sólido de estar en dous lugares a un mesmo tempo. E igual parece que lle sucede agora á Renfe coa propiedade contraria: a de que dous sólidos se atopen nun único lugar, porque acaba de conseguir do Goberno, como saben, o dereito a vender varios billetes para a mesma praza a viaxeiros distintos (o que na lingua de Shakespeare e Britney Spears se chama overbooking ). Os dous conceptos, efectivamente, están entre os máis complicados de entender, en parte porque raramente se dan na vida cotiá, aínda contando ás aves. Tan raramente que, entre nós, eran atributos reservados á Divinidade. Só Deus estaba en todas partes a un mesmo tempo (representábase isto na forma dun triángulo cun ollo dentro, o emblema que hoxe anuncia o Gran Hermano). E tamén eran só as tres persoas da Santísima Trinidade as que podían estar nun mesmo lugar a un tempo. Non se sabe se tomándonos por deuses ou por paxaros, pois, Renfe quérenos outorgar agora ese don tamén ós usuarios. Despois de todo, xa dicía Aristóteles que o lugar é unha propiedade que non infire ós corpos nin pertence á súa sustancia; «non é forma, nin materia, nin causa eficiente, nin finalidade, nin tampouco sustrato». Así que, pensarían os comerciais de Renfe despois de pechar o seu volume do libro IV da Física aristotélica, ¿por que non vender logo tres billetes para unha mesma praza? Sexa, logo. Moitos houbesemos preferido outra cousa, claro está: que baixasen os prezos, ou que puxesen máis trens alí onde máis necesarios son, pero teremos que contentarnos con esta extensión do prodixio de estar sen estar que xa disfrutabamos nos hoteis e nos avións. Terémonos que afacer á idea de que o noso billete de tren é como un billete da lotería para a rifa dun asento, e rezar para que os xestores deste servicio público non recorran ás técnicas do Orient Express, onde os viaxeiros que sobraban ían caendo asasinados. E é que un empeza a ter a sospeita de que o overbooking non é só unha técnica comercial. É tamén unha mensaxe sutil: a de que os cidadáns empezamos a estar de máis en case todas partes.