| O |
07 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.SORPRÉNDENOS a vida en medio do inverno. Como unha cicatriz de licor. Bebémola a tragos, esperanzados entre as trenzas de 2004, acariñando o seu pelo marrón, os ollos cravados no cristal do corazón, vivo. Este ano non perderemos (só a tristeza). Este ano comunicarán con telegrama urxente que somos queridos, amados desesperadamente, que alguén estraña a nosa risa, os nosos pasos, o ruído dos dedos esvarando pola súa pel descalza (Non podo vivir sen ti, aínda que viva). Este ano abrirá os brazos o mencer e non estaremos sós. Cantaremos boleros sen lágrimas. Choraremos só de alegría. O ron non terá sabor amargo. Os amigos non arrastrarán maletas plenas de chuvia. A chuvia choverá gintonic en botella azul. Non estarás lonxe. Este ano escribirei un verso que sexa digno de ti. Seguirei cerrando os bares e despedirei á lúa con aplausos, borracho de alegría. As ilusións aumentarán. No carnaval, como sempre, brindaremos pola vida. Nas eleccións votaremos por Pinocho. Crecerán as luces, a Galiza luminosa e libertaria. Botereite de menos ata romperme a alma. Hei de abrazarte cos ollos pechados. Resucitará Neruda: Aquí te amo y en vano te oculta el horizonte. Este ano non perderemos... Prometo, meu corazón.