Medio século de rock and roll

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

07 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI 50 ANOS da 1ª gravación de Rock around the clock . Así comeza un ritmo que vai conmover o mundo. As guerras, as decepcións, o racismo, a tensión da guerra fría fan xurdir unha música inconformista, a forza dun torrente que sobresalta o século XX e non cesa no XXI. A migración postbélica nos EE.?UU. leva a poboación negra a buscar traballo nas cidades e a mesturarse coa branca. O rock é mestizo. Procede da música negra, o jazz, swing, be bop, boogie woogie, rythm and blues ... que expresa as aspiracións dunha raza que quere superar o laio bluseiro e escravo co ritmo furioso da liberación, unida ao country and western ianqui. Esta fusión negra e branca representa o rock e a futura sociedade americana. Daquela, o rock supuña un contubernio comunista para lixar a xuventude americana. Para os curas era a música do demo, e o mesmo Ku Klux Klan queimaba discos. Só cantado por blancos podería revelarse. Elvis Presley foi perfecto para consolidar a explosión roqueira. Nacido en Memphis, entre a inmigración negra, tiña unha voz singular, un magnetismo sexual na mirada, nos xestos da boca e nos movementos corporais. Era o seductor idóneo para difundir o novo ritmo. Pero o rock é moito máis que un estilo musical; é un estilo de vida, un pensamento, unha acción, unha rebeldía que dinamiza a sociedade reprimida pola relixión e pola política. Houbo quen morreu no intento. A ruptura coa norma e a impaciencia vital provocou a fugacidade de grandes estrelas. Jimi Hendrix, «queremos o mundo e querémolo agora», morre novo no ano 70. Séguelle, no mesmo ano, a desgarrada Janis Joplin, raíña do rock e do blues, expresión do son e a furia, o vértigo e o sexo, eros e tanatos. Jim Morrison falece no 71. Pero o rock non morre; evoluciona, multiplícase, medra no século XXI e representa a enerxía, a alegría e a esperanza de futuro para quen crecimos con el. Ollo: para confirmar a miña morte non se fíen dos médicos; fagan soar un rock. Se non reacciono será a proba definitiva.