Aconfesional

OPINIÓN

02 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

OS PRINCIPIOS da liberdade relixiosa carecen de amigos na xerarquía e na curia vaticana. Foron de sempre reclamados naqueles países que mantiñan unha relixión de Estado diferente da católica, e sobre todo naqueles que se atopaban por tras do telón de aceiro até a caída dos reximes comunistas. Tempos de guerra fría. Mais cando os estados ou os seus gobernos son quén de beneficiar á relixión católica, faise evidente a desafección da xerarquía por ese principio de liberdade. Nas vésperas dun novo Ano Santo, tamén alcumado xacobeo, a xerarquía eclesiástica azouta destemida a confrontación e a segregación entre os cidadáns do Estado. Logo de conseguiren implantar de novo o ensino obligatorio e con valor curricular da relixión católica, decide participaren na campaña electoral ó redor dos custes económicos que provocaría o recoñecemento dos dereitos daqueles cidadáns que viven en situacións por eles consideradas como inmorais. A un non se lle escapa que o ensino é, dende a Revolución Francesa, o lugar onde confronta o poder da xerarquía con aquel do Estado. Cuestión de poder. E nesa confrontación a xerarquía católica consegue impoñer neste século XXI, dende o ensino, a desigualdade entre os cidadáns. Por riba do que establece unha constitución aconfesional. Por riba dos dereitos dos cidadáns. Segregándonos pública e documentalmente en razón da relixión que nos obligan a escoller. Mantendo dende o ensino obligatorio posicións aconstitucionais. A un non se lle escapa que a sinerxia entre a propia xerarquía eclesiástica e un goberno democrático que permite e potencia todo isto, afortala a consigna dunha España que vai ben. Mais un ten aprendido que cando o fundamentalismo relixioso consegue incidir nas normas legais dun Estado que se declara aconfesional, os cidadáns temos razóns para preocuparmonos. Porque hai poderes que non acreditan na liberdade nin na igualdade, como ben ensina un recorrido pola nosa historia, como alerta a recente vindicación do ensino e o Estado laico en Francia. Aí teñen logo un meu pedido de reis: Que a xerarquía católica acredite máis na providencia que no poder terrenal, que o Goberno que veña recupere de certo o Estado aconfesional que vén na Constitución.