O TRABALLO de Manuel Caamaño, editado polo Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos -que merece unha felicitación- esgota o tema etnográfico das construccións populares de Galiza. Nel non deixa ren por estudar que, de algunha maneira, teña relación co tema, dende os eidos se asenta o que estuda até a bibliografía galega e universal na que rexistra máis de 400 títulos consultados. O volume ten 450 páxinas en tamaño maior de 300 x 220 mm., coa metade a toda cor, con papel de alto gramaxe e con explicacións excepcionalmente delineadas. Nel se estudan os materiais e a xente que con oficio ou sen el construía, nas serras e cordais, nas chairas, no litoral, nas agras do norte e do sur, os centros de transformación e almacenamento, as habitacións de animais e os chozos dos homes, da caza e da pesca, dos recintos de feira, os camiños, os valados, as pontes, os socalcos e as regas. E non falla o léxico da cuestión. Coido que se novos etnógrafos tentan descobrir novos temas na Galiza o van ter difícil. Non é este o primeiro traballo que Caamaño fai sobre temas etnógraficos. No Museo do Pobo Galego ten publicado varios dende que moi cedo se incorporou a el traballando incansable e gratuitamente no miragre que é esta institución na que teñen cabida sen distinción de credos todos os que aman a Galiza. Membro do seu patronato, Caamaño é un excepcional secretario da súa xunta rectora. Manuel Caamaño é un home concienciado con todos os problemas da Galiza dende os socioculturais até os sociopolíticos, pois traballar na antropoloxía cultural é estar atento ás condicións e ao destino da humanidade. O libro que estamos comentando presentouse, como era mandado, no Museo do Pobo Galego. Esta institución é como a continuación posible dunha das ramas do vello Seminario de Estudos Galegos, institución interáreas que traballaba en todos os coñecementos, incluso alleos a temas galegos, dividida en diversas áreas traballando unidas para non caer en divagacións espostas á deformación profesional, da que é difícil saír. Manuel Caamaño sabe que temos que coñecer a historia pois sen tradición o futuro será unha invención, como un moneco de plástico sen pai e sen nai. O traballo de Caamaño pode servir para que a modernización da Galiza rural se faga con sentido responsable, non como o que se fixo e se fai na urbana presionada pola especulación e toda deturpada por o automóbil. Hai días escribía na prensa o meu querido amigo, e cabreado conmigo, Xerardo Estévez, defendendo a modernización e sancionando o pintoresquismo: «La Compostela de los carros por las rúas y los cerdos atravesando la Porta Faxeira cada jueves». Estou totalmente de acordo con el, mais non sei se será peor que os carros e os porcos os automobeis, aínda que o gusto de autoconducírmonos con virandeira e tornarrodas non os deixe ver esto. Mentras, un vive un tanto aterecido polo que facemos sobre esta cascarilla silical fervendo e removéndose sobre o incandescente sima. Penso no que fica de Bam con ese fondo absurdo no que se están masacrando os pobos do Irak e de Palestina. Con porcos e con carros Bertolt Brecht fixo obras inmortais que non inspirarían os automóbeis.