E Vigo vai

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

15 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

COMO a nave de Fellini, contra o vento pero aproveitando a marea, Vigo vai. Felicitámonos os galegos de que a cidade acolla a Axencia Europea de Pesca. De que a decisión da UE non nos ignore. Do recoñecemento e o impulso que significa para o país. De que nos sitúe en Europa. Mais señamos serios ou, por millor dicir, un punto orgullosos do que temos e de nós mesmos. Démoslle a volta ás gabanzas e deixémonos de cantos aos padriños para atender á racionalidade da decisión. Ás veces ocorre. Dende o punto de vista da Unión Europea, onde millor que en Vigo podería estar esta Axencia? Poucos países teñen portos con tanta entidade pesqueira, mundial. Poucos incumplen tanto as normativas, así que nos virá mui ben. Desconfiados, sabemos que non chega con acreditar na razón, que os méritos propios non sempre abondan, que fai falla poder para logralo e que Galicia ten pouco. De aí a incredulidade. Daquela ¿por que? ¿Unha combinación de azar e nesidade? Pode. Ademais dos méritos de Vigo tuvo que haber un desastroso Prestige e, sobre todo, unha mobilización cidadán, como a que puxo a Nunca Máis na boca de Bush para lembrarnos o que xa sabemos dende picariños: que o que non chora non mama. Algo farían tamén algúns deses deputados europeos que se moveron nestes anos e tanto explicaron, mesmo en galego-portugués, o que somos, facemos e queremos. Tamén, como non, algúns deses altos funcionarios europeos que saben de onde son, aínda que non fagan lobby. Que curioso. Non lembro ter oído falar desta axencia pesqueira aínda que pode que alguén a pedira. Lembro sí as sucesivas peticións en Madrid e en Bruxelas da de Seguridade Marítima que nunca foron escoitadas polos que moven ficha. Se en Vigo gobernasen BNG ou PSOE non sei se Aznar andaría tan oportuno. Sobran razóns, mesmo están xa no Código Penal, para dubidalo. Non andaremos errados tampocuo se supoñemos que a cambio desta Axencia para Vigo, a de Seguridade Alimentaria non estará en Barcelona senón en Parma, onde precisamente a quería dende hai dous anos Berlusconi, casualmente presidente europeo nesta quenda semestral. Mira ti por onde. Iso chámase obrigar a tomar nota ás forzas vivas catalanas. Vigo vai, aínda que o PSOE non presentou candidato para facer valer a abrumadora maioría do progresismo e o galeguismo político que falou nas urnas. Aínda que Pérez Mariño siga sen explicar por que destituíu aos concelleiros nacionalistas do seu goberno. Aínda que pola falta de entendemento de BNG e PSOE vaia gobernar Corina Porro cunha exígua minoría pero lexitimamente, esta si, maioritaria. Que non nos fale Blanco de andrómenas éticas escudándose en Mariño quen tamén puxo a Tamayo. Ao cabo, no PSOE, deste estúpido tobo no que os meteu Ferraz quen sae peor parado é precisamente ese socialista cabal pero, vaites, galeguista, que é Miguel Barros ¿Alguén dubida da súa ética e da súa lealdade aos electores e ao seu partido?