IMPERFECTA. Ambígua. Equilibrio difícil entre sensibilidades diversas. Pero aquí está. Nunca na historia contemporánea dispuxo Galicia dun marco de actuación e recoñecemento tan estable nin con tantas posibilidades. Nunca o Estado español acadou un período de liberdades e de desenvolvemento (económico, cultural, político) coma nestes vintecinco anos de vixencia da carta constitucional. Este é un feito obxectivo. Hai pouco, os amigos do Instituto Hispánico de Amberes convidáronme a falar do Estado das Autonomías no marco da posible constitución europea. Enguedellados ás veces nas nosas guerras internas non sempre somos conscientes dos logros. Contábame Philippe de Schoutheete, embaixador de Bélxica en España entre 1981 e 1985, que cando en 1974, poucos meses antes da morte do xeneral Franco, lle pedíu o seu Goberno un informe sobre o futuro da situación política española, o seu diagnóstico foi bastante pesimista. O xeneral tivera xa aquela volta grave que anunciaba o seu final. «España será un foco de conflictos», escribía entón. «Europa debe contar cun espacio de alta tensión na península Ibérica. A revolución portuguesa tampouco tranquiliza a ninguén». Tódalas previsións eran negativas. «Alégrame terme equivocado», engade agora. Curiosamente, no horizonte dunha Europa nova, que necesariamente ha de resolver a harmonización (difícil) das súas identidades, a experiencia española interesa. «Despois de Felipe II», atrevese a dicir o diplomático, «a Constitución Española de 1978 é a experiencia política máis interesante, orixinal e autónoma que producíu ese país». Schoutheete é autor dun libro, Una Europa para todos , no que aborda algunhas destas cuestións. «¿Como amar esta Europa complexa e técnica, como adherirse a ela?», pregúntase no prólogo Jacques Delors. Segundo o ensaista, a experiencia española debería servir de referencia, todo o contrario do que sucedeu na antiga Igoslavia. Non é a primeira vez que o digo: en poucas ocasións, na historia de España, coincidiron tantas doses de xenerosidade, talento, visión de futuro e intelixencia política coma nese período da nosa historia común. Quizais tamén houbo intuición, ou instinto de supervivencia, non sei. Ollando cara atrás podemos ver as deficiencias, que as hai, mais parece de xustiza recoñecer tamén os logros, aínda que non sexa máis que por elemental autoestima. Isto fixémolo entre todos. Non nolo regalou ninguén. É o vello conto da botella: medio baleira ou medio chea, segundo quen queira vela. Estou pola medio chea, para seguila enchendo. A gran lección daquel momento foi, sen dúbida, a vontade de entendemento. Todos cederon algo (algúns incluso moito) para que fose posible o encontro. Todos puxeron moito, o mellor de si mesmos, se cadra porque, dun xeito ou doutro, os protagonistas daquel período tiñan recente a memoria das feridas, conscientes de non querer repetilas, e porque a sociedade española (no seu conxunto) estaba moito máis madura do que os observadores imaxinaban. Iso é o que non deberiamos perder: ese talante, esa vontade común. As sociedades non son estáticas, nin as súas institucións eternas. Son realidades cambiantes, porque están vivas. Ser quen de saber medilas, collerlle o xeito, concitando espacios de encontro, non avivando xenreiras, escoitando as razóns do outro, non impoñendo a propia (que acaba sendo sinrazón), é a esencia da política, a súa grandeza.