Eso do racismo

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

30 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI RAZAS en cada especie dos animais. Falar de razas entre os humanos non queda ben cando todos os credos rexeitan falar das diferencias morfolóxicas entre os homes. Que existen diferencias entre os homes, segundo os eidos nos que se desenvolveron é innegable chámense, ou non, diferencias raciais: os do sector normongol teñen os ollos ben distintos aos indoeuropeos e celtas, e os melano-africáns teñen a pel escura e preta, e os indíxenas americáns, un tanto aceitunada. Nembargantes, a cabeza de todos por dentro é moi semellante e, procedan de onde procedan, todos teñen unha capacidade de entendemento e de sentemento parecida, polo que na evolución das especies debeu formarse nun eido común. Debe haber, si, algúns sectores humanos que se resisten a mesturarse con outros pobos aínda que estén espallados por todo o mundo e non queren perder as súas características que poden conter factores relixiosos ou de outra cultura: os xitanos e os xudeus, por exemplo. Entre os seres humanos modernos non debe haber racismo. Certo que os nosos vates galegos, aos que debemos conciencia reivindicadora da nosa diferenciación cultural e dos nosos dereitos históricos, nos falan da raza dos celtas, mais esto hai que traducilo a unhas características que se gardan na nosa cultura, na nosa lingua, na nosa forma de ser doce e maciza como a nosa formación románica. O conde de Gobineau, cos seus ensaios no século XIX sobre as desigualdades das razas humanas e a búsqueda que seguiu sobre a pureza das razas, que rematou na pureza da raza xermánica, rubia, de sangue azul, dolicocéfala, máis pura que a aria e a branca, levou aos nazis ó antisemitismo nacional-socialista, e aos fascismos á raza latina. Estase a falar moito de Sabino Arana, presentando o seu legado como un racismo, no intento mediático de desacreditar o movemento reivindicativo da cultura e dos dereitos do pobo vasco, considerando só as súas apariencias racistas, semellantes ás nosas, xa citadas, dos nosos vates de principios do século XX, que respondían a un estro poético. Ni a Sabino Arana nin a Prat de la Riba (xa no noso Castelao non se daban esas liberalidades; era máis moderno) se lles ocurriu negar a entrada nos seus eidos a emigrantes de todo o mundo, e hoxe é ben patente que ningunha outra comunidade integra tanta xente de fóra como a vasca e a catalana. ¿Quen son os que acusan de racistas aos dirixentes destes pobos? Pois nada menos de os representantes de ese Estado centralizador da penínsua Ibérica, que non hai xeito de equiparalo a unha nación porque non ten unha soa cultura que o caracterice, nin unha lingua única, pois máis do 40% dos cidadáns dese Estado responden a unha lingua que non é a castelán. E é ademais nese Estado centralista onde se practicou o racismo máis brutal expulsando da penínsua aos xudeus e aos mouros. E é ese centralismo ausente da nosa historia o que provoca os separatismos. Hai que recordar, unha vez máis, que foi o intento uniformador do Conde Duque de Olivares o que provocou a separación da principal da Hespaña: Portugal. Debemos dicir si á unidade do Estado español, e non á súa uniformidade.